Muíños
Os muíños, xunto con hórreos e alpendres, forman parte indispensable da paisaxe agraria en Galicia. Segundo Lucas Labrada na súa Descripción económica del Reino de Galicia (1804), no 1797 Galicia contaba con, cando menos, 8.278 muíños de gran.
A actividade transformadora do cereal mediante a acción mecánica de pezas elaboradas comezou coa fricción entre unha madeira ou unha pedra labradas refregadas contra unha pedra chá ou cóncava para esmiuzar o gran. Estes muíños chans ou manuais xa eran empregados na época castrexa, antes da romanización, en Galicia.
Coa invasión romana apareceron os muíños de man circulares. Cunha peza pétrea fixa e con outra móbil e mediante o uso da forza muscular moíase centeo, trigo ou cebada, movendo a pedra superior mediante o empurre da man en sentido circular.
A Alta Idade Media trouxo a incorporación do muíño de auga en Galicia e suponse que a súa aparición está vinculada aos mosteiros que os introducirían polo século XI. Os muíños de auga que aproveitan ríos e regos son os máis abundantes en Galicia, moi abundantes, por certo, na zona de Santiago, onde podería haber varios centos, aínda que a maioría están desaparecidos ou en moi malas condicións e son moi poucos os que quedan completos e menos aínda os que están en uso.
Os máis abundantes en Galicia eran os muíños que movían as moas utilizando o rodicio, peza de ferro que aínda podemos ver na boca do inferno nalgúns muíños. Nas aceas, a maquinaria accionábase cunha gran roda hidráulica que se movía coa forza da corrente e estaba colocada nun lateral exterior da construción. Nas zonas costeiras aproveitaban a forza das mareas. Un exemplo é o gran muíño de mareas en Muros.
Os muíños de río podían ser de cubo, cando contaban cunha balsa traseira na que almacenaban auga evitando así as épocas de escaseza, ou de canle. Nas Brañas de Sar temos no muíño coñecido como Casa do Martelo un exemplo de muíño de cubo e na praia de Tapia no río Tambre outro.
De introdución máis tardía son os muíños de vento, que chegaron á península alá polo século XVI. En Galicia temos un bo exemplo de muíños deste tipo no monte Xiabre, preto de Vilagarcía de Arousa.
Segundo o uso ou materia transformada, podemos distinguir varios tipos de muíños:
Nos cerealeiros, distinguíanse os muíños de millo dos de trigo, xa que as moas destes últimos eran máis finas que as utilizadas para os primeiros. Os de trigo adoitaban chamarse muíños brancos.
Os muíños de aceite empregáronse en lugares onde o clima permitía o cultivo da oliveira. Así obtíñase aceite vexetal, un produto pouco frecuente tanto na agricultura como na gastronomía galega. Estes muíños eran movidos por tracción animal (bois, vacas, cabalos etc.). Descoñecemos a existencia de muíños deste tipo aínda que en Galicia houbo moitas oliveiras ata o século XV.
Outro tipo de muíños están vinculados á industrialización dos séculos XVIII e XIX, como son os muíños de casca, que facían a moenda de cortiza de carballo ou castiñeiros para tinguir as peles dos curtidoiros. Tamén usaban os muíños, que eran chamados martelos, para mazar as peles. Temos un exemplo deste tipo nas Brañas do Sar, onde leva tempo abandoado o que se coñece como Casa do Martelo, e que batía as peles do curtidoiro de Picaños. Outros muíños usábanse en fábricas de papel como a que podemos ver no límite do Concello de Santiago con Ames, no lugar coñecido como o Pego, na confluencia do Roxos co Sar. Os mesmos principios foron aplicados para machucar pezas de vidro na fabricación deste material.
Xa cara a mediados do século XX, aparecen os muíños utilizados como centrais eléctricas. Hai un exemplo deste tipo en Aríns no lugar coñecido como A Fervenza, onde un pequeno muíño albergaba unha modesta turbina xeradora de electricidade que se accionaba coa forza da auga que chegaba dunha presa moi próxima ao muíño. Esta minicentral daba electricidade ás casas da aldea de Lobio. Cada casa podía ter un máximo de catro bombillas e tiñan que facer quendas para poñelo a funcionar cada noite.
Dende o punto de vista da propiedade, distínguense os muíños dun só propietario ou de maquía (esta era o prezo que tiñan que pagar ao propietario), e os de propiedade compartida coñecidos como de herdeiros ou aparceiros . No río Santa Lucía, no tramo que rega o concello de Santiago consérvanse dous muíños en funcionamento, un deles é de 7 propietarios que moen en quendas rotatorias de 17 días.
Partes do muíño e tipos de fariñas
Elementos exteriores:
Presa: (guiar ou acea) mediante unha construción de pedra crea un pequeno embalse que almacena auga que salva o desnivel do álveo ou leito fluvial e desvía a auga para o muíño a través da gavia e a canle.
Gravada, gavia ou loada: simple rego cavado na terra para a condución da auga cara á canle do muíño.
Canle: guía a auga ao rodicio. Feita con lousas laterais, serve para aumentar a presión da auga, mesmo cun caudal pequeno. O líquido entra por unha peza, ben de madeira ou de pedra, chamada billote, que se pode abrir e pechar desde o interior do muíño. A auga que pasa por el forza o movemento das pezas móbiles que se encargan da moenda.
Edificio do muíño: é a construción onde están instalados os mecanismos que moen o gran. Sempre se eleva uns metros sobre o leito do río. O tamaño cambia segundo as dimensións das pezas e o número delas. Algúns tamén tiñan vivenda para a familia que atendía o muíño. Os materiais de construción varían: granito ou lousa, tella ou lousa e sempre con estruturas interiores de madeira.
Rodicio: é a propia dos muíños do mesmo nome. Polo xeral é de ferro pero tamén pode ser de madeira. Conta cunhas aspas en forma de culler e dispostas radialmente chamadas penas. A presión da auga pon en movemento o rodicio que mediante un eixe transmite o movemento a peza de moer.
Bruia: é unha peza de madeira de maiores dimensións que o rodicio e que compre a mesma función, polo que podemos difetenciar muíños de rodicio e muíños de bruia (estes moito máis escasos). A bruia é unha gran roda que vai no lateral do muíño e que a auga move cando pasa debaixo dela. Está suxeita mediante un eixo horizontal que fai chegar o seu movemento ás pezas de moer.
Pousadoiro: simple peza de pedra que sobresae da parede ao lado da porta do muíño (algúns teñen o pousadoiro dentro do edificio) e que serve para pousar os sacos co gran ou fariña.
Inferno: cavidade situada na parte inferior do muíño que acubilla o rodicio. Está formado por dúas paredes laterais, unha delas cun pequeno oco para o billote e a parte frontal, chamada sartén. Nesta hai outro oco (ou ocos) por onde sae a auga despois de mover o rodicio.
Elementos interiores:
Tremiñado: situado sobre o inferno, é o espazo onde se fai a moenda. A súa planta divídese en dúas partes: unha co piso de madeira, de pedra ou terreo, e outra feita con grandes pedras que salvan a distancia que hai entre os muros laterais do inferno aguantando o peso do pé e da moa.
Roda: é o elemento que pon en movemento a peza de moer. Pode ser horizontal ou vertical. O primeiro é o rodicio e o segundo a bruia.
Pezas de moer: o conxunto de pezas de moer de dentro do muíño constitúen a maquinaria que vai triturar o gran para producir a fariña. Este conxunto consta de varias partes: a moega, ou caixa de madeira en forma de pirámide invertida e aberta na parte superior para poder botar o gran, pola parte inferior os cereais caen nunha canle de madeira, chamada quenlla ou adella. A quenlla mide como cae o gran e diríxeo cara ao ollo da moa, feito no centro. Por el métese o gran entre a moa e o pé. Para evitar que o gran se atasque na quenlla as pezas de moer contan con outro elemento: o tarabelo ou tarabela que vai unida á quenlla e apoiada na moa, co movemento desta o tarabelo axita a quenlla axudando a que caia o gran.
Pé: peza de pedra con forma circular, fixa, moi sólida, sobre a que se coloca a moa, tamén de pedra, pero de menor tamaño e móbil, esta ao xirar desfai o gran contra o pé. Das xuntas entre a moa e o pé sae a fariña que vai caer no farneiro. Segundo o gran, as pezas de moer son de distinta calidade e reciben distintos nomes: as albeiras, para moer o trigo e o centeo; e as do país ou pedra mourenza, para o millo.
As fariñas resultantes:
Segundo saía da moa, a fariña daba tres calidades: a que quedaba máis cerca da maquinaria era o oleo que era a máis fina e branca, a que caía ao lado cara a fóra era a míllara, que non era tan fina, e por último nos bordes saía o relón, que era a máis basta, como salvado.
A xente levaba o gran (trigo, centeo e millo) a moer, o que se chamaba “deitar o muíño”, cando o necesitaban para cocer pan ou dárllelo aos animais. Cando había pouca auga, no verán ou en tempos de seca, os muíños tiñan preferencia para coller a auga que se sacaba dos prados. Chamábanlles albeiros e tamén muíños brancos aos muíños de trigo que ademais de moer tamén peneiraban a fariña. En Aríns só había o albeiro de Xosefina que se instalou máis tarde. Cando non había albeiro, usaban os muíños comúns que facían unha fariña máis basta e o pan saía máis escuro, pero escollían os muíños que mellor moían, os que tiñan mellor pedra e as moas máis finas.