Da Susana a Santiago

O percorrido da Susana a Santiago polo Camiño do Sueste é a última etapa do Camiño que vai do albergue de Outeiro (Vedra) a Santiago. Desde Outeiro á Susana hai case 8 km por pistas de terra entre abundantes bosques de eucaliptos e piñeiros, menos un pequeno tramo de estrada. Esta etapa pasa xusto á beira do Centro de Visitantes da Susana que ocupa unha antiga Escola Unitaria rehabilitada. Desde aquí, o camiño atravesa a estrada nacional N-525, cruce no que hai que ter moita precaución. Un pequeno tramo despois volvemos cruzar a N-525 por un túnel e pouco despois atravesamos por unha ponte o rego dos Ballotes, afluente do Santa Lucía. Á dereita desta ponte hai un vello muíño. Pasado os Ballotes, o camiño sobe entre leiras e algún bosque cara a Aldrei, unha pequena aldea á entrada da cal hai un conxunto formado por un lavadoiro, unha fonte de pedra e un cruceiro.

Paso polo Camiño Real
Camiño Real empedrado

Atravesamos Aldrei e a partir de aquí iremos por pistas asfaltadas de concentración parcelaria con casas illadas. Cruzamos a vella vía do ferrocarril, hoxe case en desuso, por un estreito túnel e seguimos á súa beira un cachiño dirección á capela de Santa Lucía, desde a que se afronta o tramo máis fermoso desta etapa, o que vai da capela de Santa Lucía a Santiago.


Paga a pena parar para gozar do contorno da capela onde atopamos unha vella fonte, un cruceiro cun varal moi alto, un vello muíño ben conservado (detrás da igrexa) e unha ponte de pedra que salva o río Santa Lucía e que forma parte do vello Camiño Real de Piñeiro, do que se conserva un pequeno tramo con pedras gastadas polo paso de xente e carruaxes, que vai paralelo ao rego de Angrois.


O vello Camiño Real déixanos na entrada de Piñeiro. Atravesando esta aldea, pasamos preto da carballeira que ten no centro, onde se celebra, o domingo de Entroido, o alto dos Xenerais da Ulla máis concorrido de Compostela. Imos saíndo de Piñeiro por encantadoras rúas cubertas de emparrado que nos días calorosos de verán dan unha sombra moi de agradecer. Fóra xa da aldea empezamos a subir cara a Angrois por un ancho camiño de terra ao que dan sombra carballos e castiñeiros. Camiñamos todo o tempo en paralelo ao rego de Angrois, outro afluente do Santa Lucía, que nos regala unhas vistas preciosas de prados verdes e bosque de galería.

Antes de Angrois, podemos salvar a autoestrada AP9 por baixo ou por unha ponte e a continuación pasamos por outra ponte que salva a vía de alta velocidade e chegamos a Angrois. Desde aquí seguimos ata o Cruceiro de Sar, onde atravesamos a rúa do mesmo nome para seguir pola antiga calzada empedrada, o Camiño Real de Angrois, un tramo duns 400 metros dunha ancha vía que era a entrada histórica dos camiños procedentes de Castela e Ourense, por onde entraban, por exemplo, os famosos viños do Ribeiro. Cruzamos o río Sar pola ponte do mesmo nome, construída no século XII, e xa estamos en Compostela. As xentes que viñan por esta ruta, entraban na cidade amurallada ben pola porta da Mámoa ou ben pola de Mazarelos (a única que se conserva da vella muralla) onde aínda se pode ver un gravado que lembra que o viño do Ribeiro entraba por aquí.