Campás

Desde hai séculos e ata hai relativamente pouco tempo, dispositivos modernos como radios, reloxos e almanaques, como os que calquera pode ter na súa casa, non existían, pero a xente necesitaba algo que cumprise esas funcións e ese algo eran as campás. Na súa función de reloxo, anunciaban os momentos importantes do día: hora de erguerse, hora para comer, hora de acabar a xornada etc. E como a radio, avisaban de acontecementos importantes: incendios, reunións, defuncións, festas… ou expresaban sentimentos colectivos como o toque para escorrentar as tormentas.

Igrexa Marrozos campanario

As festas que imperaban na antigüidade, nas diferentes culturas, marcaron as actuais. Os ciclos de celebracións cristiás suplían aos almanaques actuais: por San Ramón (31 de agosto) plántanse as verduras de inverno, por San Martiño (11 de novembro) faise a matanza, a partir de Santa Lucía (13 de decembro) os días empezan a crecer. Estas festas de carácter relixioso e popular, teñen na súa maioría unha orixe pagá, mais nos dous ámbitos estaban moi ligadas aos ciclos agrícolas, e polo tanto constituían un modo de establecer un calendario para a poboación, de orixe moi remota na prehistoria.
As celebracións de carácter popular e relixioso mantéñense con bastante vigor, pero as campás e os seus tanxedores están a desaparecer. Nas tres parroquias do val do Santa Lucía só queda un campaneiro, en Marrozos, e en toda esta comarca só dous, este e o de San Xulián de Sales no veciño concello de Vedra. O resto das campás foron automatizadas.. e xa non é o mesmo.

 

A campá ten na cultura galega unha carga simbólica importante. Son numerosas as lendas que contan con toques de campás no seu relato. As máis destacables son as que fan referencia a cidades mergulladas e que contan que en noites de néboa se escoita o seu son.

As campás situábanse nos campanarios ou espadanas das igrexas, o seu punto máis alto, e estas adoitaban construírse no lugar máis alto da parroquia, para que o son da campá chegase a todos os seus recunchos. As tres parroquiais de Marrozos, Aríns e O Eixo teñen campanario. O da primeira presenta unha curiosidade: unha campá demasiado grande para o oco do campanario que obrigou a encaixala dun modo pouco ortodoxo. Un caso similar podemos atopalo noutra parroquia de Compostela, na igrexa de Verdía situada ao norte do concello. Marrozos conta con dúas campás, unha da segunda metade do século XIX e outra, máis grande, datada en 1989. A pequena foi fabricada nun taller da Estrada xa desaparecido e a grande na única empresa que se dedica en Galicia á fabricación de campás, Ocampo Artesáns Campaneros de Arcos da Condesa.

Igrexa Marrozos

Campás e campaneiros

A campá é un instrumento musical cuxo nome procede da rexión de Campania ao sur de Italia, onde se facían as de maior calidade. Na campá distínguense tres partes xerais: o xubo, a copa e o badalo. O xubo normalmente é de madeira ou ferro, leva uns tirantes suxeitos con porcas aos eixos de cada lado sobre uns coxinetes, comunmente un interior de metal e outro exterior de madeira. A copa é de metal, normalmente de bronce. O badalo é tamén de metal na maioría dos casos, aínda que os hai de madeira, e colga polo centro para producir o son. A sonoridade das campás depende da mestura dos seus metais, a referencia máis común sería unha mestura de bronce e cobre cun 25% de estaño. Dado que o bronce se oxida, as campás con máis de dez anos adoitan ter unha cor escura.

As campás chegaron a constituír un elemento primordial tanto no ámbito relixioso como dentro da vida civil, aínda que son propiedade da Igrexa si recibiron consagración episcopal (están por tanto bendicidas), calquera que sexan os seus doadores.

Na época dos romanos indicaban moitos acontecementos como a apertura do mercado, a apertura dos baños ou o paso dos criminais ao suplicio. Ademais do seu uso como instrumento musical, as campás estiveron asociadas á sinalización do tempo desde o século XVI, dado que en moitísimos casos, a partir desa data, as campás ían acompañadas dun reloxo para marcar as horas.

Eventualmente, e dada a súa funcionalidade na vida ordinaria, o volume de campás incrementouse drasticamente. Viuse a necesidade de construír torres colocándoas de tal maneira que mellorase a súa sonoridade e alcance. A través dunha disposición canónica estableceuse que as catedrais deberían ter cinco ou máis campás, as parroquias dúas ou tres e as igrexas de oratorios ou de ordes mendicantes polo menos unha. Os concilios celebrados no século XVI prohibiron que as campás se destinasen a outros mesteres distintos dos relixiosos, salvo para casos de grande utilidade pública, como anunciar incendios, temporais ou emerxencias similares

Igrexa Marrozos campanario

Chámase campaneiro á persoa que toca as campás, o sancristán ou sancristá. O sancristán ademais ocúpase de ter preparada a igrexa para os oficios. Nesta zona, as funcións de campaneiro facíanse por quendas rotatorios de seis meses, utilizando para iso o libro de casados e seguindo unha orde estrita. Se algún non sabía ou non quería cumprir a súa quenda, pagaba a outro que se ocupaba das campás e de arranxar a igrexa no seu lugar.
Tamén se chama campaneiro ao que fai campás. Con tal repercusión da campá no ámbito diario, é evidente que esta profesión tivo grande importancia. En moitos casos tratábase dun oficio itinerante, de tal maneira que o campaneiro acudía onde o necesitaban e permanecía no lugar ata rematar o seu labor. Requiría de gran pericia e coñecemento para un proceso de fabricación moi laborioso. Na campá recentemente creada, o campaneiro adoitaba gravar o seu nome, a data de fabricación, o nome da campá e en moitas ocasións o nome do benfeitor que afrontara os custos.

Esta profesión tivo unha insubstituíble repercusión ata o século XVIII e parte do XIX, o cal era debido a que as campás adoitaban gretarse producindo un son distorsionado polo que era necesario refundilas. É por iso que é complicado, a día de hoxe, atopar campás de máis de 200 anos de antigüidade. Con todo, non era un oficio glamuroso, adoitaban cobrar uns poucos reais aínda que a Igrexa proporcionáballes a vivenda ao longo do traballo.

Os toques de campá

Os sons da campá chámanse toques e, como veremos, hai unha gran variedade. Os toques agrúpanse en quendas e cando soan moi rápido chámase repique, toque que se usaba nas festas, nas emerxencias etc.
Os toques de campá eran un elemento esencial nos actos da vida pública e eclesiástica e eran coñecidos por toda a veciñanza. Os máis significativos eran os toques do Angelus que se realizaban ao amencer para empezar a xornada, ao mediodía marcando a hora para comer e á tardiña orientando á xente que traballaba no campo a hora de regresar do traballo, este toque por exemplo, dábase no verán ás 20:30h e no inverno ás 18:30h. Con todo, existían moitos outros toques fundamentais, algúns dos cales serían os seguintes:

Campá pequena Marrozos
  • Toque á misa: Utilizábase a campá mediana tocando cun ritmo normal, finalizando con un, dou ou tres toques a medida que se achegaba a hora da misa. Na zona de Santiago (Aríns, O Eixo e Santa Lucía) o primeiro toque dáse unha hora antes da misa, unha badalada. Cando faltan 45 minutos danse dous toques e tres cando falta media hora. No último cuarto, cando faltan 15 minutos tócanse tres veces, dúas cando quedan 10 minutos para o comezo da misa e unha no momento en que entra o sacerdote para comezar a misa.

  • Repiques de domingo: Tamén utilizado nas novenas. Realizábanse á corda, suxeitando dúas cordas por man e desde a parte baixa do campanario, chamando aos fieis á misa festiva.

  • Toque ao rebato: Utilizábase para indicar algunha emerxencia ou catástrofe na rexión, como temporais, incendios ou eventos similares, repicando varias campás á vez rapidamente.

  • Toque á festa: Durante as festas grandes da rexión volteábanse as campás e tocábanse ao voo para indicar o inicio dos festexos.

  • Toque aos mortos ou de defuntos (clamor): Badaladas utilizadas nos enterros ordinarios, impulsada por toques lentos a corda de dúas campás. Para indicar o sexo do falecido, dábanse dous toques se era unha muller e tres toques se era un home. Noutras zonas, como a do val do río Santa Lucía, tocábase dúas veces coa campá pequena (a das mulleres) e un coa grande (a dos homes) se a falecida era unha muller; con dous toques da grande e un da pequena se o defunto era un home.

  • Toque de Gloria (ou de Tilindula): Indicaba cando falecía un menor de 7 anos. Realizábanse os toques como nos enterros ordinarios, tanxidos de dúas campás seguidos por pausa, pero eran máis lentos se o neno era de familia podente ou máis rápidos se era dunha contorna menos favorecida.
  • Toque Viático (sacramento da Eucaristía que se administraba aos enfermos graves ou moribundos). Realizábase un pouco antes da saída do cura da parroquia e consistía nunha secuencia dun toque de dúas badaladas graves seguido por unha pausa, repetindo esta secuencia cada dous ou tres minutos.

    Cada toque da campá tiña o seu nome, como o toque de alba ao amencer. Os campaneiros din que chora a campá cando o seu toque tarda máis en apagarse, como ocorre cando anuncia unha morte inminente na parroquia.
Campá grande Marrozos