
Constaba de catro fases:
Tarefas de “ribeira”, implicaba a limpeza no río das peles para a eliminación dos restos. Despois as pezas pasaban a uns pozos de auga con cal apagado (Hidróxido de Calcio), denominados pelamios ou caleiros. O obxectivo era a apertura dos poros para que logo, os produtos de tratamento enxugasen mellor as peles. Despois deste proceso, os coiros eran colocadas sobre unhas táboas onde traballadores da factoría pasaban unhas grandes coitelas curvadas para a eliminación do pelo na parte exterior do coiro. O último proceso era o escarnado definitivo cun coitelo especial para retirar os residuos que aínda lle quedaban á pel.
O “caldeo”. Esta fase era na que as peles permanecían mergulladas en auga para inchalas e dilatarlle máis os poros, operación xa iniciada nos pelamios coa cal. Estes caldeiros eran de forma cúbica e forrados de cantería, chamados mudanzas ou “alpages”. O líquido para estas mudanzas era tratado anteriormente con acidulantes en cavidades chamadas “lecheras”. Os dous contentores de líquidos estaban intercomunicados entre eles, cada un cun nivel de acidulante distinto. Esta diferenza de niveis daba nome aos píos de primeiro, segundo e terceiro alpage. Se as peles eran coiros brandos (reses menores), introducíanse en canina (excrementos animais) para retirar o cal.
A terceira fase era a de introducir os coiros nuns píos rectangulares chamados noques ou asentos. Dentro deles introducíanse os coiros en niveis separados entre eles por capas de casca (carballo e/ou castiñeiro) que despois eran cubertos ata arriba de auga. O coiro era posto coa parte que tivo pelo cara abaixo. Este proceso podía durar entre os catro ou seis meses. Pasado este período, as peles eran introducidas nos alpages de segunda onde os coiros eran postos boca arriba.
As cascas de árbore, elementos voluminosos e pouco doados de transportar, precisaban por estes motivos, estar próximas as curtidurías. Por que empregaban a casca das árbores nesta industria? Porque posuía un elemento fundamental no cortume da pel: os taninos. Estes elementos químicos teñen a propiedade de unir as moléculas do coláxeno presente na pel, o que transforma ou curte os pelicos, dándolles a dureza que se precisa.

A remata. Este proceso tiña dúas versións segundo o destino das pezas tratadas: a que se facía para coiros duros (sola) e a que se seguía para os coiros brandos. Comezaba esta última fase co enxugado das peles ao extraérense dos alpages e colocárense en amplos locais para aireárense e secaren. Logo viña o mazado con mazos de madeira para homoxeneizar a peza. No caso dos coiros duros o proceso remataba aquí. Para os coiros brandos (ovella, xato), tamén chamado becerro, o proceso incluía o uso de elementos aceitosos, estirado, luneteado e outros procesos. O aceite usado era o saín, procedente da sardiña.
