
O percorrido do Camiño do Sueste ten por punto de saída Sevilla e desde aí enlázase coa Ruta da Prata en Mérida. De Sevilla a Astorga son 956 km. Desde Astorga, o Camiño do Sueste enlaza co Camiño Francés e continúa a ruta seguindo o percorrido deste por terras de Lugo. Pero antes de chegar a Astorga, hai outras posibilidades que atravesan a provincia de Ourense e entran no concello de Santiago pola Susana ou por Aríns.
Unha opción utiliza o Camiño Sanabrés en Granja de Moreruela (Zamora), para dirixirse a Puebla de Sanabria, desde aí entra en Galicia pola Gudiña, segue a Laza, Xunqueira de Ambía, Ourense, Cea, A Laxe, Outeiro e Santiago. Entre Cea e A Laxe, o camiño pasa polo mosteiro de Oseira e por Dozón. Unha variante do Camiño Sanabrés, despois da Gudiña encamíñase máis ao sur de Laza pasando por Verín, e de aí a Xinzo de Limia e Allariz, sendo en Ourense onde conflúen todas as variantes desta ruta.
Unha terceira variante entra en Galicia desde a provincia de Zamora, atravesa por territorio portugués e chega a Verín dende o sur, vía Chaves (Portugal). É a variante por Feces.
Estas variantes do(s) camiño(s) estaban motivadas polas inclemencias meteorolóxicas que condicionaban o seu estado nas diferentes estacións (enchentes, neve, calor…), sobre todo era determinante o estado das pontes que permitían cruzar os curtos pero caudalosos e numerosos ríos galegos. Era frecuente que unha enchente destruíse pontes que tardaban moito en arranxarse, o que obrigaba a buscar rutas alternativas. Así, a ruta máis utilizada para cruzar o Ulla camiño de Santiago de Compostela era Ponte Ulla, pero esta quedou destruída un inverno e estivo durante moito tempo sen reparar, polo que era obrigado o desvío por Ponte Ledesma en Vila de Cruces. No val de Santa Lucía aínda lembran este vello camiño que atravesaba polo concello de Boqueixón. No lugar da Cacharela, en Aríns, quedan nunha casa restos dun mesón onde comerciantes do Ribeiro facían a última parada antes de chegar a Santiago; a veciñanza fala tamén que neste camiño había unha capela, xa desaparecida, que era coñecida como a Porta do Val e que estaba na crista que daba acceso ao Val do Santa Lucía desde as terras de Boqueixón.