
Patrimonio do val de Santa Lucía
Patrimonio natural. No val de Santa Lucía atopamos importantes masas de bosque atlántico. Bosques mixtos caducifolios onde podemos ver carballos, castiñeiros, pradairos, freixos, abeleiras, espiños, sabugueiros…, acompañados de especies perennes como o loureiro, o acivro e o érbedo. As árbores, sobre todo os carballos, sosteñen nos troncos e polas unha boa comunidade formada por fentos, musgos e liques. No sotobosque medran hedras, celidonias, estalotes, chuchameles, liques, cogomelos…
Neste contorno de sombras móvese a vacaloura ou escornabois, o maior escaravello de Europa, e unha numerosa fauna de aves insectívoras que nos invitan a facer turismo ornitolóxico. Para ampliar a información sobre este apartado invitamos a consultar o menú de fauna e flora desta web.
O patrimonio etnográfico é abundante, con numerosos muíños, pontellas, canles, cruceiros, casas rústicas, fontes, lavadoiros… Atopamos cruceiros en Aldrei (este ao carón dunha fonte de pedra e dun lavadoiro de cemento), na capela de Santa Lucía (cun fuste ben alto), en Piñeiro (cunha inscrición na plataforma), Corexo e o de Torrebranca en Aríns. A poboación da zona conserva tradicións únicas como os Xenerais da Ulla, un Entroido único compartido con outros concellos (A Estrada, Vedra, Teo, Vila de Cruces…) da comarca do Ulla. Aínda lembra a xente destas parroquias como era a vida e a paisaxe antes de que a modernidade acabara cunha agricultura milenaria, que celebraba eventos tan esperados como a malla do trigo, traballo no que participaba a veciñanza e que remataba cun xantar no que non podía fallar unha boa festa. Marrozos conserva o único campaneiro da zona. Sobre patrimonio etnográfico, como a malla ou os campaneiros, atoparás información máis ampla noutros apartados desta web.


Lendas. Nesta comarca é doado atopar escudos e outras representacións de serpes aladas ou dragóns, como o que hai na fachada de Santa María de Marrozos ou no escudo do Concello de Boqueixón. Probablemente estean relacionados coa lenda xacobea do traslado do corpo do Apóstolo polos seus discípulos aos que intentou enganar a raíña Lupa, personaxe mítico que gobernaba a zona. Conta a lenda que os discípulos lle foron pedir á raíña un carro e uns bois e que esta os mandou ao Pico Sacro coa esperanza de que o dragón e os bois que vivían alí os mataran. Os discípulos fixeron o sinal da cruz e provocaron a morte do dragón e viron como as bestas se amansaban, e ante isto a raíña e os seus vasalos convertéronse ao cristianismo.
Contan por Marrozos outra lenda protagonizada por un dragón. Din que hai moitos anos vivía un dragón onde hoxe se atopa a igrexa, e sospeitan que podía ser un dos fillos do dragón do Pico Sacro que foi vivir para alí xa que dende ese lugar vía o imperante Pico Sacro e se podía agochar.
Compoñedores. Curandeiros. Había dous compoñedores, Gómez e Felipe. Este era de Lobio e tivo unha famosa casa de comidas na zona da Algalia de Arriba que moitas persoas e estudantes de aló polo 1980 recordarán: o Catro Ventos. Tamén había un menciñeiro, chamado Salvador, do lugar da Pena, que quitaba os meigallos. Estas figuras, sobre todo os compoñedores e compoñedoras, eran o único recurso que tiñan as xentes do campo para curar de accidentes e lesións que se producían durante os duros traballos que tiñan que facer. Os médicos eran un artigo de luxo naquel tempo, e quedaban lonxe.