
A Colexiata de Sar
Santa María a Maior e Real de Sar é xunto á Catedral o máis significativo monumento románico da cidade. Fundada no século XII polo bispo Munio Alonso como mosteiro da orde de Santo Agostiño, é ademais a primeira comunidade relixiosa agostiña establecida en Galicia. Falecido o bispo Munio antes de finalizar a obra, é o arcebispo Diego Xelmírez o que conclúe a igrexa e o claustro inacabados. A escritura fundacional data do primeiro de setembro de 1136 confirmándoa Afonso VII.
Levantada ás beiras do río Sar nunha das principais entradas da cidade, pero o suficientemente afastada do seu bulicio, a súa igrexa presenta planta basilical de tres naves cubertas con bóvedas de canón, separadas por alicerces con semicolumnas acaroadas e rematadas por labrados capiteis de variada factura. As naves rematan en ábsidas de planta semicircular con arquerías interiores e unha rica ornamentación ao exterior, sinalando a importancia da súa función. A iluminación realízase por medio de xanelas situadas nas naves laterais e nos rosetóns de ambos os extremos da nave central; o da fachada principal foi modificado en forma de ventá cadrada en época barroca.

A característica principal desta igrexa reside na asombrosa inclinación dos seus muros e columnas. Esta particularidade deu orixe a toda unha infinidade de teorías, sendo a máis probable que ao elevar tanto as naves laterais, estas non cumpriron a súa función de contrarrestar o empuxe da bóveda central e desde o comezo debeuse intentar corrixir esta desviación. O derrube da bóveda central e as desaxustadas bóvedas das naves laterais é máis que evidente. Todo se soluciona en época barroca coa construción dos grandes arbotantes que suxeitan o empuxe da igrexa e que lle dan esa peculiar característica ao exterior.
Contiguo á igrexa consérvanse os restos dunha das galerías claustrais románicas. O resto do claustro foi reconstruído en época barroca e é dunha gran sinxeleza. A galería románica é sen dúbida unha marabilla na que os canteiros desa época, influenciados pola escola do mestre Mateo, lograron un claustro que de estar completo sería un digno rival dos mellores claustros europeos. A calidade e abundancia da súa labra nos capiteis e arquivoltas queda fóra de toda dúbida pola súa riqueza. Un pequeno museo cos restos das galerías desaparecidas completa a visita, así como a mostra de obras de ourivaría instalada nas dependencias do que foi o antigo mosteiro.
No 1895 foi declarada monumento nacional, o que facilitou a súa restauración nos anos trinta por Ferrant e despois por Pons Sorolla e Chamoso Lamas.
Máis información: https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com.es/2015/12/santa-maria-la-mayor-y-real-de-sar_12.html?m=1
Capela de San Brais.
Á entrada do recinto amurallado que rodea a Colexiata hai unha fonte e unha pequena capela dedicada a San Brais. O 3 de febreiro celébrase unha concorrida romaría en honra deste santo avogoso para os males da gorxa.

Ponte de Sar
A ponte de Sar, situada a carón da Colexiata, foi construída salvando o último obstáculo fluvial xa no final da vía da Prata, ou antiga ruta que conectaba a cidade con Ourense e Castela. Está vía penetraba na cidade pola porta de Mazarelos ou pola porta da Mámoa. Unha vez pasada a ponte iniciábase o último tramo de subida polas actuais rúas de Sar e do Castrón Douro.

A ponte é de estilo románico do século XII. Componse de tres ollos -o que dá idea de que o caudal do río era naqueles tempos máis abundante- construídos con forte e ben escuadrada cantería granítica, con tallamares de sección triangular e peitorís de perpiaño con furados de desaugue na súa bases. Constitúe un bo exemplo da funcionalidade deste tipo de construción.
Ten unha lonxitude de 22 metros de longo por 3,50 de ancho e unha altura aproximada de 5 metros no punto máis alto.

Capela de Santas Mariñas
Capela construída na ladeira do monte do mesmo nome. A súa planta é dunha sinxeleza extrema, dunha soa nave con cuberta a dúas augas, e de pequenas dimensións. Ten na súa fachada principal unha pequena espadana rematándoa e unha porta rectangular por toda decoración. Moi preto, o conxunto complétase cunha fonte de pedra de estilo rústico onde antigamente se celebraba o 18 de xullo a festividade da santa , unha concorrida romaría típica do rural galego na que as solteiras sacaban a Virxe en procesión ao redor do templo.
Actualmente é nesta data o único día no que se abre a capela para o festa e a procesión. A asociación dunha fonte e unha capela é unha constante neste tipo de santuarios, dos que este é unha boa mostra pola sinxeleza e funcionalidade coa que está executado.
Veciños da zona contan que hai moitos anos a fonte contaba con lavadoiros.
Calzada de Sar
Fontes citadas por López Alsina (1988:135) documentan a chegada do viño por esta vía xa no século XII. Na Idade Media, os camiños de acceso á cidade de Santiago podían ser lugares perigosos para o tránsito, sobre todo en inverno debido ás chuvias e ás enchentes que formaban lameiras que dificultaban o paso ás persoas e ás bestas. Diversas testemuñas falan nun informe de mediados do século XVI de ver como os carros quedaban empantanados e as bestas metíanse “asta la barriga”, téndose que descargar con gran perigo. Este informe pon de relevo os grandes danos que a situación dos camiños producía á cidade, moradores, peregrinos e xentes que acudían aos mercados. Entre os camiños que se citan como perigosos está o que pasaba cerca de Sar. Para atallar o problema, o informe citado aconsella canalizar as augas e facer calzadas de pedra.


Cruceiro de Sar
Mide uns 4 m sumando a base, o fuste e a cruz. O fuste, de forma octogonal, ten un perímetro de 0,87 m. Conta cunha notable grada, base cúbica e capitel con volutas, así como con tallas da Virxe e de Cristo, este totalmente pegado á cruz. Está situado no cruce dos camiños que van a Aríns e a Angrois nun terreo de lixeira pendente, e asentado sobre unha base escalonada con cinco chanzos cara ao o poñente e tres cara o nacente. A base do fuste ten unha inscrición que a circunda practicamente ilexible.

O material no que está feito é granito e posúe restos de grandes grampas de ferro de unión entre os chanzos e entre a base e o fuste. Os cruceiros, como este que nos ocupa, forman parte dunha longa tradición viaria de destacada importancia, polo menos desde a época medieval. Hai que relacionar a orixe do topónimo do lugar, Cruceiro de Sar, con este elemento vinculado á Calzada Real próxima.