Neste apartado queremos comentar brevemente os templos da zona: a capela de Santa Lucía, a igrexa da Uceira e as tres parroquias.
Empezamos pola capela de Santa Lucía que da nome ao río que pasa ao seu lado. Santa Lucía é unha pequena capela de fachada clasicista e planta rectangular con sancristía encostada. No seu contorno hai unha fonte, unha ponte, un cruceiro, un muíño e pasa o Camiño de Santiago sobre un pequeno tramo ben conservado do antigo Camiño Real (máis información sobre camiños reais na web das Brañas de Sar).
San Martiño de Aríns forma un conxunto parroquial en moi bo estado de conservación. De planta cuadrangular e sancristía encostada, a fachada é clasicista e no seu vértice érguese a torre con placas. San Martiño está rodeada por un cemiterio antigo porque o novo está a algo máis dun quilómetro en dirección noroeste. Rodea todo o recinto un muro de pedra no que hai encastradas dúas fontes e un escudo heráldico. Chegar a este templo non é moi doado xa que non está indicado e atópase un pouco agochado no lugar coñecido como o Igrexario.

San Cristovo do Eixo data do século XVI. Ten planta de cruz latina coa ábsida máis baixa e unha torre no lateral superior do frontis. Como as outras parroquiais do val, está en moi bo estado e rodeada por un pequeno muro de pedra e un cemiterio vello desde o que hai unhas fermosas vistas do val de Santa Lucía, que poderían ser mellores de non ser por algunha edificación agrícola que tapa a vista. Desde aquí podemos ver o castro de Vixoi, o río, o viaduto da liña de alta velocidade e numerosos prados e campos de cultivo. No Eixo existe outro templo, a igrexa de Uceira, capela barroca de planta rectangular con vivenda acaroada. Ten unha torre alta e estilizada á esquerda da fachada, con molduras moi traballadas. Está no lugar de Bornais.

Santa María de Marrozos. Conxunto formado pola igrexa parroquial do século XVIII, a casa reitoral enfronte, o cemiterio vello rodeando a igrexa e o novo detrás, todo delimitado por un muro con cancela. A fachada da igrexa é de estilo barroco clasicista compostelán, con planta de cruz latina, ábsida máis baixa e tella a tres augas. A única torre sitúase no lateral esquerdo e só é accesible por unha pequena porta do lateral. Na fachada ten incrustados dous escudos a ambos os lados, un dos cales (o da dereita) presenta unha talla en pedra dun dragón (ou serpe alada) relacionada coas lendas pagáns da zona, moi influenciadas pola presenza próxima do Pico Sacro. A sancristía está detrás do altar, é de pequenas dimensións e nela consérvase o retablo antigo que foi restaurado en 1995 polo Consorcio de Santiago e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Santa María de Marrozos é a única parroquial das tres que vimos de comentar que conta aínda con campaneiro, as outras dúas teñen as campás mecanizadas. Santa María de Marrozos está no lugar de Ardagán.

