Presa: (guiar ou acea) mediante unha construción de pedra crea un pequeno embalse que almacena auga que salva o desnivel do álveo ou leito fluvial e desvía a auga para o muíño a través da gavia e a canle.
Gravada, gavia ou loada: simple rego cavado na terra para a condución da auga cara á canle do muíño.
A canle: guiaba a auga ao rodicio. Feita con lousas laterais e no fondo, aumentaba a presión da auga mesmo cun caudal pequeno. O líquido entra por unha peza, ben de madeira ou de pedra, chamada billote, que se pode abrir e pechar desde o interior do muíño. A auga que pasa por el forza o movemento das pezas.

O edificio do muíño: a construción onde están instalados os mecanismos que moen o gran. Sempre se eleva uns metros sobre o leito do río. O tamaño cambia segundo as dimensións das pezas e o número delas. Algúns tamén eran a vivenda das familias que atendían o muíño. Os materiais de construción varían: granito ou lousa, tella ou lousa e sempre con estruturas interiores de madeira.

Pousadoiro: simple peza de pedra que sobresae da parede ao lado da porta do muíño e que serve para pousar os saquetos ou sacos co gran ou fariña.
Mecanismos interiores:
Inferno: cavidade situada na parte inferior do muíño que acubilla o rodicio. Está formado por dúas paredes laterais, unha delas cun pequeno oco para o billote e a parte frontal, chamada sartén. Nesta hai outro oco (ou ocos) por onde sae a auga despois de mover o rodicio.
Tremiñado: sobre o inferno, é o espazo onde se fai a moenda. A súa planta divídese en dúas partes: unha co piso de madeira, de pedra ou terreo, e outra feita con grandes pedras que salvan a distancia que hai entre os muros laterais do inferno aguantando o peso do pé e da moa.
Roda: é o elemento que pon en movemento a peza de moer. Pode ser horizontal ou vertical. O primeiro é o rodicio e o segundo a bruia. O rodicio é a propia dos muíños do mesmo nome. Polo xeral é de madeira ou de ferro, cunhas aspas en forma de culler e dispostas radialmente chamadas penas. A presión da auga pona en movemento. Un eixe move a peza de moer.
Bruia: de maiores dimensións e fixada a un eixe horizontal que fai chegar o seu movemento á peza de moer que transforma a rotación vertical da roda nunha rotación horizontal.
Peza de moer: dentro do muíño, ten varias partes: a moega, ou caixa de madeira en forma de pirámide invertida e aberta na parte superior para poder botar o gran, pola parte inferior os cereais caen nunha canle de madeira, chamada quenlla ou adella. A quenlla mide como cae o gran e diríxeo cara ao ollo da moa, feito no centro. Por el o gran métese entre a moa e o pé.
Pé: peza de pedra con forma circular, fixa, moi sólida, sobre a que se coloca a moa, tamén de pedra, pero de menor tamaño e móbil, esta ao xirar desfai o gran contra o pé. Das xuntas entre a moa e o pé sae a fariña que vai caer no farneiro. Segundo o gran, as pezas de moer son de distinta calidade e reciben distintos nomes: as albeiras, para moer o trigo e o centeo; e as do país ou pedra mourenza, para o millo.
A fariña resultante. Segundo saía da moa, a fariña daba tres calidades: a que quedaba máis cerca da maquinaria era o oleo que era a máis fina e branca, a que caía ao lado cara a fóra era a míllara, que non era tan fina, e por último nos bordes saía o relón, que era a máis basta, como salvado.
A xente levaba o gran (trigo, centeo e millo) a moer, o que se chamaba “deitar o muíño”, cando o necesitaban para cocer pan ou dárllelo aos animais. Cando había pouca auga, no verán ou en tempos de seca, os muíños tiñan preferencia para coller a auga que se sacaba dos prados. Chamábanlles albeiros e tamén muíños brancos aos muíños de trigo que ademais de moer tamén peneiraban a fariña. En Aríns só había o albeiro de Xosefina que se instalou máis tarde. Cando non había albeiro, usaban os muíños comúns que facían unha fariña máis basta e o pan saía máis escuro, pero escollían os muíños que mellor moían, os que tiñan mellor pedra e as moas máis finas.
