
Os sons da campá chámanse toques e, como veremos, hai unha gran variedade. Os toques agrúpanse en quendas e cando soan moi rápido chámase repique, toque que se usaba nas festas, nas emerxencias etc.
Os toques de campá eran un elemento esencial nos actos da vida pública e eclesiástica e eran coñecidos por toda a veciñanza. Os máis significativos eran os toques do Angelus que se realizaban ao amencer para empezar a xornada, ao mediodía marcando a hora para comer e á tardiña orientando á xente que traballaba no campo a hora de regresar do traballo, este toque por exemplo, dábase no verán ás 20:30h e no inverno ás 18:30h. Con todo, existían moitos outros toques fundamentais, algúns dos cales serían os seguintes:
– Toque á misa: Utilizábase a campá mediana tocando cun ritmo normal, finalizando con un, dou ou tres toques a medida que se achegaba a hora da misa. Na zona de Santiago (Aríns, O Eixo e Santa Lucía) o primeiro toque dáse unha hora antes da misa, unha badalada. Cando faltan 45 minutos danse dous toques e tres cando falta media hora. No último cuarto, cando faltan 15 minutos tócanse tres veces, dúas cando quedan 10 minutos para o comezo da misa e unha no momento en que entra o sacerdote para comezar a misa.
– Repiques de domingo: Tamén utilizado nas novenas. Realizábanse á corda, suxeitando dúas cordas por man e desde a parte baixa do campanario, chamando aos fieis á misa festiva.
– Toque ao rebato: Utilizábase para indicar algunha emerxencia ou catástrofe na rexión, como temporais, incendios ou eventos similares, repicando varias campás á vez rapidamente.
– Toque á festa: Durante as festas grandes da rexión volteábanse as campás e tocábanse ao voo para indicar o inicio dos festexos.
– Toque aos mortos ou de defuntos (clamor): Badaladas utilizadas nos enterros ordinarios, impulsada por toques lentos a corda de dúas campás. Para indicar o sexo do falecido, dábanse dous toques se era unha muller e tres toques se era un home. Noutras zonas, como a do val do río Santa Lucía, tocábase dúas veces coa campá pequena (a das mulleres) e un coa grande (a dos homes) se a falecida era unha muller; con dous toques da grande e un da pequena se o defunto era un home.
– Toque de Gloria (ou de Tilindula): Indicaba cando falecía un menor de 7 anos. Realizábanse os toques como nos enterros ordinarios, tanxidos de dúas campás seguidos por pausa, pero eran máis lentos se o neno era de familia podente ou máis rápidos se era dunha contorna menos favorecida.
– Toque Viático (sacramento da Eucaristía que se administraba aos enfermos graves ou moribundos). Realizábase un pouco antes da saída do cura da parroquia e consistía nunha secuencia dun toque de dúas badaladas graves seguido por unha pausa, repetindo esta secuencia cada dous ou tres minutos.
Cada toque da campá tiña o seu nome, como o toque de alba ao amencer. Os campaneiros din que chora a campá cando o seu toque tarda máis en apagarse, como ocorre cando anuncia unha morte inminente na parroquia.
