Estamos ante un monumento que alberga tesouros únicos, como o xardín de buxo do claustro, que se cre data do século XVIII, ou o retablo maior da igrexa, tallado en mármore de Carrara e procedente do mosteiro de San Francisco de Sevilla. San Lourenzo acolleu ocupantes tan ilustres como o arcebispo Pedro Muñiz, tachado de nigromante e amigo de Martín Arias, o emperador Carlos V e ata unha raíña recente, Fabiola de Mora y Aragón esposa do rei Balduíno de Bélxica.
O edificio é de tipoloxía e estilo heteroxéneo e está constituído por un único volume arquitectónico, que amalgama ampliacións e transformacións nas que teñen especial importancia os diferentes usos dados ao edificio e que dan como resultado unha arquitectura de tipo pacego mesturada na propia dun convento.

A igrexa conserva trazas románicas moi remodeladas nos tres primeiros tramos da nave maior e a portada de acceso no extremo occidental que antigamente estaba ao descuberto e que hoxe se inclúe dentro do zaguán. Tamén románicas son as columnas que sosteñen o púlpito e a pía bautismal.
Desde o terceiro arco románico ata a cabeceira, toda a i,grexa pertence ao século XVIII e o mesmo que o claustro, é dun estilo barroco que parte dun principio de sinxeleza e austeridade acorde coa personalidade recolecta do convento. De grande interese arquitectónico é a bóveda plana da sancristía, obra de frei Manuel de la Peña (1735-1740).

Outros elementos importantes de San Lourenzo son o retablo maior e as figuras orantes dos marqueses de Ayamonte situadas sobre os seus sepulcros, pezas renacentistas de orixe italiana que a duquesa de Medina de las Torres trae de Sevilla durante a conversión do antigo e ruinoso convento en pazo. O retablo e os sepulcros, que na súa orixe forman un só conxunto, datan de 1532 e foron executados polos escultores italianos Antonio e Giovanni Aprile. De grande importancia é tamén a imaxe da Virxe da Cadeira, de gran tamaño que pertence á Escola Sevillana e está situada no retablo do brazo norte do cruceiro.
Un último elemento que cómpre destacar é o xardín do claustro que se cre data do século XVIII e se atribúe a algún frade do convento. Considérase a realización xeométrica de buxo máis importante de España polo seu simbolismo e antigüidade. O buxo invade practicamente todo o patio do claustro cunha composición cuadrangular de carácter heráldico. Completa o conxunto unha fonte que se sabe xa existía no ano 1607.
Na carballeira exterior pode verse preto do muro de peche un cruceiro datado en 1683, delatando así a existencia dun lugar sacro non fácil de ver con detalle para os numerosos peregrinos do camiño de Fisterra que, neste tramo, bordean o muro do pazo camiño do cruzamento do Sarela pola ponte do mesmo nome. No devandito cruceiro e ao pé dun dos contrafortes da fachada do convento, podemos atopar senllos alquerques, xogos antigos entre os que é moi popular en Santiago o “pai, nai, fillo” (ou tres en raia) que se atopa en abundancia tallado en chans e bancos pétreos por toda a cidade, destacando os conxuntos das escaleiras do convento de Santa Clara e da contorna da fachada principal do Seminario Maior na praza da Acibechería.