Nos séculos XVIII e XIX e primeira metade do XX os traballos das mulleres e a man de obra infantil, eran un complemento indispensable para equilibrar o presuposto familiar. As mulleres exercían unha ampla variedade de oficios, aínda que predominaban tres ramas: o servizo doméstico, a confección e reparación de vestidos e enxoval doméstico que ocupaba a modistas e costureiras e a industria téxtil.

Partindo dos niveis inferiores de preparación necesaria para o desempeño dun traballo e indo cara os superiores, observamos que na base atópanse xornaleiras, muiñeiras, fiandeiras e tecedoras, taberneiras, así como o denominado servizo doméstico externo composto por mandadeiras, augadoras, lavandeiras e planchadoras. No nivel intermedio sitúanse as vendedoras e tendeiras xunto con certas empregadas domésticas, costureiras e artesás como panadeiras ou confiteiras. O grao máis alto serían as modistas, comerciantes, amas de chaves, institutrices e doncelas

De todos estes traballos, son de especial penuria os de augadoras e lavandeiras, considerados polas demais criadas como denigrantes, por iso ninguén os quería facer. Parece ser que eran desenvolvidos maiormente por mulleres solteiras o que fai pensar no carácter transitorio deste traballo, transitoriedade derivada da súa propia dureza e da nula estima social da que gozaban.
As ribeiras do Sarela e tamén os seus afluentes, albergaban moitas construcións do vello oficio de lavar. Hoxe quedan poucos restos no propio río, pero antigamente, os lavadoiros, ateigaban as ribeiras próximas ós barrios da cidade onde vivían as lavandeiras.
Os vellos lavadoiros consistían en toscas pedras planas inclinadas ou non colocadas á beira da auga onde as mulleres lavaban de xeonllos na propia corrente do río, utilizando os prados próximos para clarear e as matogueiras para secar a roupa. Algunhas utilizaban caixas de madeira para axeonllarse e evitar así estar en contacto directo coa auga das salpicaduras da colada. Unha variante desta caixa levaba unha peza de madeira que permitía substituír a pedra de lavar.
No século XIX a construción de lavadoiros e fontes foi unha prioridade dos concellos, sobre todo das alcaldías republicanas, e supuxo unha mellora considerable nas condicións de traballo das lavandeiras e augadoras. Os lavadoiros adoitaban ser públicos e de uso colectivo. A maioría constan dun único pío que pode adoitar diferentes formas: cadrado, rectangular e incluso octogonal, tamén adoitaban estar cubertos o que permitía utilizalos en días de choiva.
O pío está cheo de auga corrente e rodeado de pedras inclinadas contra as que fregar a roupa e que permitía as lavandeiras lavar de pe e non de xeonllos como nos antigos lavadoiros do río.

Arredor dos lavadoiros e das mesmas lavandeiras foise creando un folclore, ou forma propia de falar das traballadoras e grazas ao estudio deste oficio, podemos ter unha visión do contexto social e histórico da muller no seu momento. Aparte, está tamén a pegada que fica na memoria toponímica do país tanto nos ríos como nos lugares onde se construíron lavadoiros, como por exemplo o barrio das Lavandeiras na Coruña, a rúa do Lavadoiro en Meixonfrío ou os Muíños dos Lavadoiros nas Brañas de Sar.
Habería que engadir o coñecemento que moitas destas mulleres tiñan sobre diferentes herbas, tanto para uso medicinal como aromático ou culinario.