Descrición
O Sar é o río que configura o territorio das Brañas de Sar ao seu paso polo leste da cidade. O Sar, río poético cantado por Rosalía de Castro, é un afluente do Ulla pola súa marxe dereita. Nace a 310 metros de altitude no concello de Santiago de Compostela, concretamente na parroquia de Bando, ao lado de Amio, e pasa ademais polas parroquias de Sar, Conxo e Laraño. A continuación atravesa as parroquias de Bugallido e Ortoño do concello de Ames e a de Bastavales no de Brión, para logo entrar no concello padronés por Iria Flavia, onde discorre pola chamada ruta Rosaliana, cruza parte do concello de Rois e finalmente desemboca no Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro despois de percorrer 42 quilómetros e drenar unha conca de 265,5 quilómetros cadrados.
Conta entre os seus afluentes co Sarela, o Roxos, o Tinto e o Rois. Tanto o Sarela como o Roxos son ríos do concello de Santiago. O primeiro, o Sarela, é bastante coñecido pero o segundo, o Roxos, que discorre pola parroquia de Villestro, é un descoñecido que paga a pena explorar en todo o seu percorrido e especialmente no tramo final na zona chamada do Pego antes de verter as súas augas no Sar, onde salva unha boa pendente formando pequenas fervenzas e pozas de grande beleza.
Co Sar ocorre algo curioso. Está establecido o seu nacemento en Bando pero resulta moi difícil saber que itinerario segue desde aí ata San Lázaro onde se fai visible, tampouco hai acordo no punto, breña, fonte ou rego que supón o seu nacemento. Un tramo do río Sar, xa fora do seu curso no Concello de Santiago, está incluído na Rede Natura 2000, e outro tramo máis está proposto para formar parte dela.



O río animado
Antes dos anos sesenta, o río e as Brañas eran un espazo vivo, cheo de xente da zona e dos arredores. Era un río animado por persoas que ían lavar, bañarse en lugares como O Redondo, O Pozo ou Os Dous Olmos; outras que traballaban aquelas terras e levaban os seus produtos a vender a Santiago; as que ían moer millo e cereais aos muíños hidráulicos; parellas que buscaban intimidade, leiteiras que subían ao pobo co leite nas sellas, familias que ían pasear e merendar os domingos de verán, obreiros das curtidurías… Un río moi vivo e coidado por toda a xente que o aproveitaba e gozaba del.
O Sar era a “praia” da Compostela da zona leste. Grandes, mocidade e crianzas ían bañarse ao río, especialmente en tres lugares concretos habilitados para nadar. O que quedaba máis ao norte das Brañas era O Redondo, unha gran piscina natural duns dous metros de profundidade nalgunha zona, cuberto de árbores de ribeira no que se congregaba gran cantidade de xente, sobre todo mozos. Moi preto del estaba a Vella Juana, que era o lugar no que as familias se reunían para xantar ou merendar os días calorosos de verán á sombra das árbores. Tanto O Redondo como a Bella ou Vella Juana desapareceron coa construción no ano 1974 do antigo pavillón do Obradoiro, que sería substituído polo actual Multiusos de Sar. Pasada a ponte das Branas de Sar, tamén coñecida como ponte da Mourulla, a medio camiño entre esta e a ponte de Sar estaba O Pozo, unha zona de baño pequena en comparación co Redondo, que tiña a vantaxe de ser solleira nun tramo do río sen arborado de ribeira, e con prados en toda a contorna. O Pozo tiña unha auga moi transparente coa cor do fondo de rocha nai e cuns dous metros de profundidade; é o único lugar de baño que se conserva máis ou menos inalterado. Xa preto da Pontepedriña había a terceira e última zona de baño de que temos noticia nas Brañas, coñecida como Os Dous Olmos porque na súa proximidade había dous enormes olmos que xa desapareceron. A maioría destas zonas de baño estaban asociadas ás presas construídas para levar a auga ás canles dos muíños, das que actualmente só se conserva a acea das Brañas de Sar nas proximidades da Pontepedriña.