
O oficio de lavandeira respondía, en primeiro lugar, á división sexista do traballo e tamén á necesaria limpeza da roupa doméstica, un dos traballos máis duros da rutina doméstica polas condicións nas que antigamente se realizaba. Esta actividade era requirida, sobre todo, nas vilas e grandes cidades, onde mulleres na procura dun salario para o sostemento doméstico, ofrecían os seus servizos a casas, pensións e hospitais, que podían pagar por eles.
Descoñécese cal foi o número máximo de lavandeiras na capital galega, mais arredor do ano 1750, segundo o libro Historia de la ciudad de Santiago de Compostela (2003), o total de mulleres que se dedicaban a esta profesión era de 33, número que non chegaba ao 2% do total de mulleres censadas con oficio remunerado naquel momento dentro da cidade, o que as deixaba na novena ocupación retribuída exercida por man de obra feminina.
O salario medio anual recibido era duns 102 reais. A isto débeselle sumar tamén que as autoridades locais buscaban limitar os movementos das mulleres no tocante ao mundo laboral, obedecendo esta actitude á visión patriarcal e misóxina da sociedade do momento.
A lavandeira estaba comprometida ou apalabrada cunha ou máis casas. Alí recollía a roupa para lavar, normalmente os luns. A partir de aí, a operación era rutineira, sempre os mesmos pasos. O primeiro un lavado con xabón, logo torcer a roupa, batela contra unha pedra e poñela a clarear estendida sobre unha superficie. Así posta, as lavandeiras augaban esta roupa todo o día para branqueala. Para o outro día poñían a roupa nun cesto e a cubrían cunha tea vella que facía de filtro. Por riba botábaselle auga fervida con cinsa. A cinsa e os lixos quedaban filtrados pola tela mentres que a auga quente pasaba por ela. Despois disto, repetíase o lavado e o clareo se fai falta. Logo a roupa xa seca era dobrada e repartida polas casas, pensións ou hospitais que pagaban polo servizo.

O prezo era fixado segundo dúas variables: ou ben por cestos ou por prendas. O tamaño das pezas lavadas tamén facía variar o prezo do traballo. Por outra banda, a fidelidade ou a servidume a unha casa durante moito tempo, podía ter unha compensación monetaria ou en especie, cousa que podía acontecer tamén en datas sinaladas como o Nadal. As señoras, amas, clientas das lavandeiras eran mulleres de clase media alta e alta da cidade. Isto deixábase ver na calidade das pezas de roupa entregadas ás lavandeiras e tamén nos “descontos” que aplicaban á desaparición dunha peza, dependendo do tamaño, uso ou valor económico da mesma.
Por outra parte, as propietarias da roupa non eran moi partidarias do uso de diversas substancias químicas no lavado. En definitiva había un “tira-puxa” na negociación do prezo, un arduo regateo. Así as lavandeiras foron collendo fama de negociadoras, debido maiormente, á pouca retribución que de primeiras querían pagarlles as propietarias da roupa.
Lavandeiras e augadoras levaban roupa e auga limpas as casas e recollían delas as “lavaduras”, restos do xantar cos que alimentaban aos seus animais de curral. Todo se reciclaba.