
O Camiño do Sueste-Vía da Prata conecta Santiago con Extremadura e Andalucía. No termo do municipio atravesa o val de Santa Lucía entrando no concello de Santiago pola Susana. Coñecido popularmente como Ruta da Prata, esta é só unha parte del, a que vai de Mérida a Astorga, desde aquí enlaza co Camiño Sanabrés, que con diferentes variantes conduce a Ourense e de aí a Compostela. Este camiño comeza a ser utilizado como camiño de peregrinación a partir da segunda metade do século XIII, despois da toma de Córdoba e Sevilla polos cristiáns.
É o gran camiño que une, dende tempos inmemoriais, a península de norte a sur. Tartesos, fenicios, gregos, romanos, cartaxineses, godos, árabes, cristiáns, deambularon por estas rutas milenarias. É a gran calzada romana con restos impecables, pontes, miliarios, topónimos que recordan o paso de viaxeiros e peregrinos ao longo dos séculos. Terras fronteirizas e mesetas escalonadas que dende Cádiz e Sevilla ata Oviedo ou Santiago se unen a través deste gran camiño.
A Vía da Prata ten a súa orixe na calzada romana que unía Augusta Emerita (Mérida) e Asturica Augusta (Astorga). A vía xacobea trazouse a comezos do cristianismo aproveitando camiños máis antigos. O termo Vía da Prata non ten que ver coa explotación ou comercio deste metal precioso, senón que procede do árabe Bal`latta, traducido “camiño empedrado”, que é a palabra coa que os musulmáns designaron aquela ampla vía pública empedrada e de sólido trazado pola que se encamiñaban ao norte cristián. Non obstante, esta vía chegouse empregar, despois do século XV para o comercio de prata americana que chegaba ao porto de Sevilla.
Historia ou lenda, por esta gran ruta chegou Almanzor no ano 997 a Santiago de Compostela para saquear a cidade da que só respectou a tumba apostólica. Levou non só as campás da basílica prerromana consagrada ao Apóstolo, senón tamén as de todas as igrexas da ruta que seguiron as tropas musulmáns nesta campaña militar, levando un gran botín de bronce na súa volta triunfal a Córdoba. Tras a la conquista de Córdoba no 1236 polas tropas cristiáns, as campás regresaron a Santiago, pero non aquelas que levaran, senón outras que se fundiron na cidade andaluza con todas as que Almanzor saqueara na súa razzia.
Aínda debemos falar doutro camiño que entra en Santiago polo sueste, o Camiño de Inverno, que nada ten que ver coa Vía da Prata. Este era unha variante do Camiño Francés para evitar os cumes nevados do Cebreiro. Parte de Ponferrada e pasa polas Médulas, O Barco de Valdeorras (ou a variante por Rubiá), Quiroga, Monforte de Lemos (unha variante viraba aquí cara a Ourense), Chantada, Rodeiro, Lalín e A Laxe, onde enlaza co Camiño do Sueste ou Ruta da Prata.