Segundo as lendas, a primeira comunidade de relixiosas foi promovida por Rusuida, unha bela dama namorada do galante Canogio. Cando os namorados deciden casar o pai de Canogio cae enfermo e este como bo fillo decide peregrinar a Compostela para pedir pola súa saúde. O conde de Guarino, encaprichado de Rusuida decátase da viaxe e aproveita o mesmo para asasinar a Canogio e así ter vía libre para conquistar a dama. A moza pescuda os plans do Conde e corre tras Canogio para avisalo, pero xa é tarde, atopa o corpo inerte do seu amando asasinado polo conde. Rusuida decide continuar o camiño a Compostela co corpo do seu amado.

Unha vez en Compostela e tras visitar a Catedral decide buscar un lugar para darlle sepultura. Diríxese ao río Sar e alí sobre un ribazo ve unha bandada de pombas, e elixe este sitio para dar descanso eterno ao seu amado e construír un pequeno convento en que retirarse. O nome do barrio, Conxo, derivaría de Canogio o nome do infortunado amante e peregrino.
A primeira comunidade de relixiosas foi promovida por Rusuida, unha fermosa doncela namorada do galante Canogio.
Outra lenda relacionada con este barrio data do século XIV e é ben coñecida polas xentes de Santiago nalgunha das súas variantes. O 30 de xuño de 1366, por orde do rei Pedro I de Castela, son asasinados o prelado Suero Gómez de Toledo e o deán da Catedral Pedro Álvarez. Estas mortes están relacionadas coas disputas sucesorias entre Pedro I e Henrique de Trastámara, xa que o arcebispo apoiaba este último. Con motivo destes asasinatos, péchanse os templos composteláns, e a xente ten que acudir ao afastado mosteiro de Conxo para os ritos relixiosos. E así nace unha das frases máis utilizadas polos composteláns: “vaiche na misa en Conxo”, utilizada ata o día de hoxe cando se quere expresar con mofa o atraso ou ausencia inxustificada dalgunha persoa. Unha variante desta lenda máis coñecida se cabe, refire que o arcebispo foi asasinado durante a procesión do Corpus por manter amores adúlteros e que por esta causa a rúa onde ocorreron os feitos foi tapiada, a rúa en cuestión estaría entre a Nova e a do Vilar, na Zona Vella compostelá, aínda que parece ser que nunca existiu tal rúa.