
Se vemos fotos antigas dos lavadoiros, en seguida chama a atención a cantidade de xente que se reunía en torno a eles, o animados que estaban, e o mesmo ocorría coas fontes onde acudían as augadoras. Eran, polo tanto, lugar de reunión onde se comentaban acontecementos do momento… e outras cousas. Daquelas conversacións habidas mentres se lavaba a roupa, veñen expresións ben coñecidas como “lavar os trapos suxos” en relación a falar das intimidades alleas, ou “hai roupa tendida” para avisar de que non se pode falar diante dalgunha persoa ou que hai pequenos que non deberían escoitar certas cousas.
Lavadoiros de Galeras. Galeras reunía gran actividade das lavandeiras que colocaran nas marxes do Sarela e o Corgo un gran número de pedras para lavar. A zona era idónea para esta actividade, pois estaba próxima á cidade, era soleada e contaba con amplos prados para o clareo. Para facilitar o secado da roupa, sobre todo en inverno, construíuse unha estrutura de madeira que ao tempo facía de tellado para as pedras de lavar da beira do río, e que estaba situada preto da finca do Espiño.

Lavadeiro en Sarela de Arriba (A Peregrina). Situado na parroquia de nacemento do Sarela, non se coñece a data exacta de construcción. Aproveita o nacemento de auga que é canalizada ata a pía. O chan de arredor está empedrado con laxas de pedra. A obra está cuberta sostida con columnas de pedra. Coordenadas: 42°55’11.8″N 8°33’06.5″W
Lavadoiro de Ponte Pedriña de Arriba. Restaurado na actualidade, posiblemente date do século XIX e que se construíse ao mesmo tempo que a fábrica de curtume. Hai que baixar unhas escaleiras de pedra para acceder a el. Ten unha fonte ao pé de factura moi elaborada. Coordenadas: 42°54’00.2″N 8°32’59.7″W
Lavadoiro e Fonte na Rúa da Ponte Romaño. O conxunto consta dunha fonte e un lavadoiro construido ao pé dunha casa e está por debaixo do nivel da estrada da Ponte Romaño. Non se coñece a data exacta da súa construción. Realizado en pedra e restaurado en parte con cemento. Coordenadas: 42°54’07.6″N 8°32’46.4″W
Lavadoiros de Tras Santa Isabel. Os lavadoiros forman unha fileira de seis espazos para o lavado xusto na beira do río, aproveitando así a corrente do Sarela coa configuración prototípica do lavadoiro: Pedra de lavar inclinada e pousadoiros arredor delas e na banda esquerda tamén. As pezas foron restauradas no seu día dentro dun plano municipal que buscaba rescatar estas construccións. Coordenadas: 42°53’12.9″N 8°32’56.8″W
Lavadoiro e fonte de San Xoán. Situados a carón da capela de San Xoán no barrio de Vista Alegre, concretamente no límite do Parque do Auditorio coa rúa Pelamios, o lavadoiro aproveitaba a auga do rego do Corgo. Hoxe só se conserva a cuberta a catro augas. Coordenadas: 42º88’76.8’’N 8º54’54.49’’W
Lavadoiros rústicos do río. Hoxe desaparecidos, en moitos tramos do Sarela había antiaguamente simples pedras planas (de 0,50×0.50cm aproximadamente) que constituían os lavadoiros máis tradicionais. Sabemos, por fotos antigas e testemuñas de xente da zona, que eran numerosos en Galeras, no Carme de Abaixo e no rueiro de Figueiriñas e noutros lugares do río e dos seus afluentes.
Lavadoiro de Casas Novas. Situado na rúa de Casas Novas que vai á Granxa do Xesto, na aba no monte Pedroso. É un lavadoiro de recente factura, anos 50 do século XX. Vén alimentado por canalización desde a Granxa do Xesto. Está cuberto a catro augas xunto a casas veciñais. Coordenadas: 42°53’21.2″N 8°33’14.8″W

FONTES
Fonte do Avío
É unha fonte antiga que está na ponte do Avío, pegada a esta e ao río e á que se accede por unha rústica escaleira.
Fonte do Ouro
Construída en pedra con forma triangular cortada na cima. Con escaleiras para descender aos canos de metal e encher de auga cunha pía. Pousadoiros a esquerda e dereita. Toda ela está en pedra dentro dunha zona restaurada da cidade no pé de Monte Pío, xunto á Finca do Espiño. Coordenadas: 42°53’01.2″N 8°33’02.7″W
Fonte da Cantaleta (Parroquia de Vidán)
Situada nun espazo arrodeado pola rúa da Cantaleta, é un manancial ou mina de auga. A súa ubicación está a uns centos de metros da confluencia dos ríos Sar e Sarela. Constitúse por unha construción en van (oco, espazo aberto) cun arco superior. Coordenadas: 42°52’03.6″N 8°34’05.8″W
Fontes dos lavadoiros
Ademais das fontes mencionadas, en cada lavadoiro soe haber a súa fonte anexa.
Fontes de Bar
No lugar de Bar de Abaixo descubriuse en 1839 un manancial de augas ferruxinosas. Analizadas polo Doutro Antonio Casares en 1840 as augas acadaron sona na cidade e incluso se barallou a idea de facer un pequeno espazo termal que non chegou materializarse, pero si sabemos que xentes de Compostela e arredores ían tomar as augas neste lugar. Co tempo o manancial quedou abandonado e esquecido pero segundo nos informaron estaría no entorno da fábrica de Santaló subindo hacia a aba do Pedroso.