O 15 de setembro de 1873, entra en servizo a primeira liña férrea que se construíu e operou en Galicia, cunha lonxitude de 42 quilómetros, 25 anos despois da posta en funcionamento da primeira liña da península Ibérica. Unía a estación de Cornes, no termo municipal de Conxo (hoxe integrado no concello de Santiago de Compostela), e a estación de Carril, no termo municipal de Santiago de Carril (hoxe concello de Vilagarcía de Arousa).

Era un feito histórico moi importante, porque conectaba Santiago coa costa, e ademais supoñía a fin das antigas carruaxes como medio de transporte, que tardaban cinco horas en facer ese mesmo traxecto. O Diario de Santiago publicaba: “la monumental ciudad de Compostela, la Roma de Occidente verá con júbilo lucir el ansiado día en que la locomotora le acerque uno de los mejores puertos de este Antiguo Reino”.
O ansiado día da inauguración, o 15 de setembro de 1873, todas as estación do percorrido estaban ateigadas de xente e engalanadas con estandartes, gallardetes, bandeiriñas e outros enfeites en edificios e instalacións. Ás doce menos cuarto na estación de Cornes, o penitenciario da catedral o Sr. Palacios, bendice as catro locomotoras fabricadas en Inglaterra, mentres no aire resoan gran cantidade de foguetes. Á mesma hora en Carril sóltase un globo aerostático cuns panos de seda artisticamente bordados con grafías alusivas ao acto colgando da súa barca, ao queimarse os fíos que os sustentan caen e son recollidos polos asistentes. Un destes panos consérvase na Fundación Camilo José Cela. Como colofón destes actos, as autoridades, xornalistas e invitados soben ao tren e realizan o primeiro percorrido da liña férrea, parando en todas as estacións.E así, con fasto decimonónico queda inaugurado o primeiro ferrocarril de Galicia.