Historia do manicomio Conxo
Durante setenta anos foi o único centro psiquiátrico en Galicia
Durante setenta anos foi o único centro psiquiátrico en Galicia
No ano 1404, frei Juan Gilberto Jofré funda o primeiro manicomio en España, o Hospital de los Santos Inocentes en Valencia. Galicia non contará con ningunha instalación deste tipo ata case cinco séculos despois e hai que sinalar que en 1880 existían xa 26 manicomios en España. Así que con moita demora, o 1 de xullo de 1885, inaugúrase o de Conxo e ata 1953 será a única institución deste tipo en Galicia.
Ata entón, os enfermos mentais andaban libremente pola rúa , ou ben eran encerrados no cárcere.
Hai que deixar constancia de que a cultura galega sempre foi moi tolerante con este tipo de enfermos.
O manicomio foi construído na parte conventual do mosteiro que estaba deshabitada, polo entón arcebispo na sede compostelá, o cardeal Payá. Os mercedarios, que eran os propietarios do inmoble, foron compensados cunha indemnización, e a reforma e o acondicionamento do mosteiro de Poio.
Pouco tempo despois da súa inauguración, a importante demanda de prazas leva os propietarios do hospital a pensar, xa en 1889, na constitución dun padroado que dese entrada a accionistas cos que afrontar unha ampliación do centro.
Así, vendo os beneficios que xera a institución, Timoteo Sánchez Freire, director médico do establecemento, o banqueiro santiagués Olimpio Pérez Fernández, José García Mouriño, un emigrado retornado cliente de Olimpio Pérez, e Juana Blanco Navarrete, viúva de Simeón García de la Riva, en representación do Banco Viuda de Simeón e Hijos, pasarán a formar parte do Padroado e, polo tanto da Xunta de Goberno do Hospital. A igrexa seguirá mantendo unha participación maioritaria.