Os primeiros datos de poboación datan da Idade de Ferro e atópanse en Volta do Castro, falamos do xacemento prehistórico do Castriño de Conxo, composto por un castro prerromano e un dos petróglifos máis famosos de Galicia con gravados de diferentes armas da época como espadas, escudos, alabardas…
Na interesante historia de Conxo podemos destacar entre outros os seguintes feitos. En 1129 (data que se conserva nunha inscrición do claustro románico), unha comunidade beneditina feminina recupera e refunda a pequena igrexa que dá orixe ao barrio, construíndo así o mosteiro de Conxo.
Sobre o ano 1240 constrúese o castelo da Rocha Forte, tamén coñecido como castelo dos Churruchaos. Símbolo do poder señorial e da opresión aos habitantes por parte do arcebispo de Santiago. Destruído na Gran Guerra Irmandiña, posiblemente a maior revolta europea do século XV, entre os anos 1467 e 1469 non volverá ser levantado. Hoxe consérvanse a planta e muros de defensa, sotos e gran número dos proxectís de pedra lanzados con catapultas durante a seu asedio.

A historia deste barrio está moi ligada á Universidade compostelá a través do seu mosteiro. Este foi colexio maior universitario a partir de 1700 e algúns dos seus freires profesores da Universidade. O mercedario Martín de Acevedo consegue traer para Santiago as cátedras de Medicina e Dereito en 1649.
En 1827 nace en Cornes Rosalía de Castro a maior poetisa de Galicia e autora, entre outras obras, de En la orillas del Sar, publicado en 1884 e un dos seus poemarios máis famosos.