A palla do trigo, centeo e avea que quedaba da malla almacenábase formando os característicos palleiros. Para facelos, chamábase a un palleireiro, que era o experto. A palla atábase en medas que se colocaban en posición vertical formando a base do palleiro, ou medeiro como lle chaman nesta zona, desa forma aguantaban mellor a humidade. Sobre esta base de medas verticais ía colocándose a palla e o palleiro ía gañando altura e adoptando a súa forma cónica característica.

Cando saía a palla da malla había dúas persoas, os espelidores, que lle daban á palla para adiante, e despois estaban uns coa galleta que collían o chaparro (varias mancheas de palla) para botar ao palleiro. Conforme ían facendo o medeiro, e gañaba altura, o palleireiro subía ao carro, e despois a unha escaleira, e ía colocando o chaparro todo ao arredor para que o palleiro fose collendo a forma dunha gran seta con pé e capela. Cando a palla estaba colocada, poñíase un cesto arriba de todo para que non entrara auga. Cando o palleiro non quedaba completo ou uniforme, tiñan que revelalo, ou o que é o mesmo, retocalo. O centeo case sempre se deixaba para o final, xa que por el corre mellor a auga e usábase para cubrir a capela. A gabela ía a eito, de abaixo cara arriba.
O remate final do palleiro era o carapucho. Escollíase a mellor palla (había especialistas), e atabase cun vimbio, cortábase todo ao arredor, volvíase atar cun vimbio e despois cortábase e poñíase un ramo de loureiro enriba do carapucho. Cunha silva rodeaban a base e metíanlle unhas grampas de paus de carballo para que non saltase o carapucho. Antes de rematalo cravaban unha vara no centro da meda.
E despois de todo este traballo facían unha gran festa!! Era a mellor festa do ano e había unha por cada casa.
O que non podía faltar era o xamón (cocido). Cocíase un xamón enteiro do porco. Había quen facía tamén callos, fideos con polo, un guiso con garavanzos, e despois xamón!! Con patacas enteiras e verdura.
O xamón chegaba enteiro á mesa e poñíase diante do palleireiro que era quen o cortaba.
Nunhas casas o xantar era mellor ca noutras, coma en todas as épocas. Pero o que non cambiaba eran as ganas de xuntarse de todas as casas da aldea. Facían sempre unha gran festa, onde non faltaba o bo comer, viño do ribeiro e moita troula.
En Aríns moitos veciños aínda conservan elementos significativos desta gran tradición como son as palomiteras que son xerras de barro de tamaño moi grande, típicas destas xuntanzas, e os vencellos, os artiluxios para atar os monllos.
En Marrozos recuperáronse varias fotos antigas (de 1960) onde se amosan as grandes festas que argallaban nas mallas e os grandes palleiros que erguían.