Estas áreas engloban todos aqueles elementos que servían para aproveitar a auga como recurso enerxético para os muíños e mazos e tamén para o regadío dos prados que fornecían de herba o gando. Subsidiariamente, as presas aproveitábanse para habilitar zonas de baño para a comunidade. Neste caso, a acea das Brañas de Sar, preto da Pontepedriña, formaba a zona coñecida como dos Dous Olmos, e a presa hoxe desaparecida na parte norte das brañas formaba outra zona tamén moi concorrida no verán, coñecida como O Redondo.
– Canle dos lavadoiros. Esta canle vai paralela ao río Sar a uns 40 metros de distancia e ten unha lonxitude de 464 metros e unha sección media de 1 metro. Parte moi preto do Multiusos de Sar. Na súa orixe tomaba a auga do río na zona norte das brañas dunha presa hoxe desaparecida. A canle vai escavada na terra e reforza os seus laterais na proximidade dos muíños dos lavadoiros, aos que fornece de auga. Ten unha deriva para regar os prados circundantes mediante sucos sachados na terra a intervalos duns 10 metros. A súa auga e a propia canle son aproveitadas para establecer un lavadoiro. Para cruzala conta cunha pontella de madeira situada a carón dos lavadoiros. Todo o conxunto está cuberto por unha gran parra. Pasado o muíño dos lavadoiros II, esta canle continúa paralela ao río para levar auga aos muíños do Morico e da Nacha e desembocar no río ao lado da Ponte de Sar. Para cruzar a canle na proximidade dos muíños dos lavadoiros están dispostas grandes laxes de granito que atopamos entre ambos os muíños e na parte de atrás do segundo. Este último ten a carón unha rústica escaleira de pedras empotradas no muro da canle que para acceder a ela pola marxe esquerda.
– Canle do Forte. Mide 0,70 m de ancho na boca por 9,80 de lonxitude. Xunto coa presa formaba parte dun conxunto que serviría para regar as parcelas do Forte. Ten forma de embude, máis ancha na boca para recoller a auga do río e cun progresivo estreitamento a medida que vai entrando na parcela para así regala polo sistema de inundación.
– Canle dos muíños de Vilar e de Miguel. Mide 530 metros de longo cunha anchura aproximada dun metro. Arranca do río Sar na zona do cruceiro de Picaños e vai máis ou menos paralela ao río para desembocar nel na contorna da acea das Brañas de Sar. Como no caso da canle dos lavadoiros, está escavada na terra e puntualmente, na proximidade dos muíños, reforzada con laxes de xisto. Ademais de levar auga aos muíños de Vilar e de Miguel, parten dela surcos que proporcionan auga aos prados próximos.
– Canle da presa das Brañas de Sar. Parte da presa está construída con pedras a escuadra e cachotería de anfibolita e granito. Trátase dunha canalización de auga que facilitaría o rego dos prados da contorna.
– Represa das Brañas de Sar. Esta presa é a única que se conserva en todo o tramo de río que percorre as Brañas de Sar. Antigamente había polo menos dúas máis, unha no tramo alto do río, no lugar coñecido como Vella Juana, que servía para derivar a auga á canle do muíño dos lavadoiros e que, ao mesmo tempo, formaría a zona de baño coñecida como O Redondo;o cal desapareceu coa construción do Multiusos Fonte do Sar. A outra presa desaparecida estaría un pouco máis abaixo da ponte de Sar e serviría para derivar auga á canle dos muíños de Vilar e de Miguel. A acea das Brañas de Sar é, pois, a única que chegou aos nosos días. Mide 6,40 metros de longo por 8,90 m de ancho e contaba cunha comporta de 0,70 por 0,60. Esta presa está situada moi preto da Pontepedriña, no tramo final do río, e servía para desviar a auga por un canal para a rega dos prados da contorna. Está construída asentando grandes pedras de granito cuadrangulares de forma transversal ao río, deixando unha canle de entrada coas comportas mencionadas máis atrás. Por detrás deste muro de granito, vemos un lousado de cachotería de anfibolitas dispostas sen argamasa entre elas, que forma unha rampla para facilitar o tránsito da auga.
– Muros de contención. En todo o tránsito do río poden atoparse diferentes muros de contención, realizados con cachotería de granito ou anfibolita, que teñen como función evitar a corrosión da ribeira provocada pola corrente do río. Teñen unhas lonxitudes que van desde os 5 metros do máis pequeno ata os 8,80 do máis longo. Actualmente poden observarse 4 muros de contención en diferentes estados de conservación. Un deles, situado a uns 50 metros ao sur da ponte de Sar, conserva no medio unha saída de auga de sección cuadrangular construída con pedras rectangulares e ben careadas.

