Construcións para o tránsito
As comunicacións dentro dos espazos agrarios permitían o desenvolvemento destos lugares
As comunicacións dentro dos espazos agrarios permitían o desenvolvemento destos lugares
Ponte do Sar
Son entidades que serven para facilitar o tránsito pola zona, así que estamos a falar de camiños, pasais, pontellas e pontes.
– Ponte das Brañas e Sar. Tamén coñecida como ponte da Mourulla, mide 9,42 m de longo por 2,75 m de ancho e unha altura de 1,48 m; antigamente a plataforma tiña un ancho de 1,20 m que só permitía o paso de persoas e animais. O tránsito dos carros para cruzar o Sar facíase por un vao natural ou porto pegado ao lado norte da ponte. Esta ponte atravesa o río na zona denominada Camiño da Ponte ou da Mourulla. Está construída con pedras de cantería e de cachotería de granito e anfibolitas. Consta de catro alicerces de base rectangular asentados sobre cachotería de anfibolitas para nivelar o terreo do leito do río. Sobre este leito sitúase a base das laxes de planta rectangular, sobre as que se asentan pedras a escuadra de granito que pola forma que adoitan augas arriba, parece que antigamente tiveran tallamares. Sobre esas bases colócase a plataforma formada por grandes laxes de granito pola que transitaban persoas e animais. Hai 40 anos ampliáronse a superficie da ponte e as súas bases. Como curiosidade, no alicerce situado máis ao leste e augas abaixo obsérvase unha pedra de granito cun gravado composto por tres círculos concéntricos, o máis probable é que sexa unha pedra reutilizada.
– Ponte de Sar. Mide 22 m de longo por 3,50 de ancho e ten unha altura aproximada de 5 metros no punto máis alto. Está realizada enteiramente en cantería de granito. Trátase dun elemento importante de valor construtivo e histórico moi vinculado ao desenvolvemento de Santiago, á calzada de Sar como vía de acceso desde as terras do Ulla, de Ourense e de Castela e tamén ao camiño de peregrinación que subindo por Sar e Castrón Douro cara ao Arco de Mazarelos, daba acceso á cidade pola muralla que a circundaba. A ponte presenta tres arcos de medio punto, o do centro con maior altura, e calzada en ángulo. Ten peitorís a ambos os lados da calzada con buratos de desaugadoiro na súa base. Augas arriba ten dous tallamares de sección triangular. No lado oeste da estrutura e a ambos lados da ponte, hai dúas escalinatas que permiten o acceso ao río. A uns 50 m da ponte augas arriba hai un vao ou porto polo que antigamente pasaban os carros con mercadorías.
– Ponte do Picaños. Duns 8 metros de longa, é unha ponte de madeira para salvar o curso do río augas abaixo da Ponte de Sar no lugar onde antigamente había unha pontella desaparecida. De nova instalación polo Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil, enlazará o novo camiño da zona de Picaños co Camiño da Fonte dos Capitáns cara a Colexiata de Sar.
– Ponte da Ceña. Duns 7 metros de longa, é unha ponte de madeira colocada sobre vigas metálicas para salvar o curso do río. Está situada un pouco máis abaixo da Ceña das Brañas de Sar, preto da Pontepedriña, e enlaza cunha pasarela de madeira que remata no muro do aliviadoiro que sae da mencionada Ceña. Foi colocada polo Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil.
Todas estas construcións foron creadas para facilitar tanto o acceso a cidade como os terreos de labranza e pastoreo que a rodeaban.
– Pontella I das Brañas de Sar. Situada, o mesmo que a pontella II e III, augas abaixo da ponte de Sar, mide 4,45 m de longo por 1,60 de ancho, tendida sobre o río. Actualmente está caída no lado leste debido á actividade erosiva do río. A parte superior é de formigón apoiado sobre pezas rectangulares de cantería de granito que, pola súa vez, se asentan sobre unha base de cachotería de anfibolitas.
– Pontella II das Brañas de Sar. Mide 3,29 de ancho por 7,04 de longo e 0,60 m de altura. O firme é de formigón e foi construída segundo contan os veciños hai uns 30 anos.
– Pontella III das Brañas de Sar. Mide 7,04 m de longo por 3,29 de ancho, feita con firme de formigón. Na beira oeste, no arranque, presenta unha base de anfibolitas moi ben careadas, no lado leste está apoiada sobre tres postes cilíndricos de madeira.
Pontella de Lavadoiros
– Pasal I. Atópase sobre a canle do muíño de Miguel, no último tramo, cando esta desemboca no río Sar próxima á acea das Brañas de Sar preto da Pontepedriña. Mide 1,45 m de longo por 2,80 de ancho. Está formada por tres laxes de pedra, a central de granito e as laterais de anfibolita, asentadas sobre unhas pezas alongadas de anfibolita que, pola súa vez, se apoian sobre cachotería para nivelar o terreo.
– Pasal II. Está situado entre os muíños dos lavadoiros e os muíños do Morico e da Nacha sobre a canle que os fornece de auga. Mide 1,40 m de longo por 0,48 m de ancho e ten unha altura de 0,15m. Está feita con unha gran laxe de granito apoiada sobre a canle de auga.
– Pasal III. Este novo pasal situado sobre a canle do muíño de Vilar foi instalado polo Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil para recuperar o tránsito polo antigo camiño que unía a zona de Picaños e que conducía cara O Forte.
– Pasal IV. Pasal novo que se instala durante as actuacións do Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil para salvar a canle do muíño de Miguel coincidindo coa traza do antigo camiño que atravesaba o complexo habitacional onde se atopa este muíño.
– Pasais da canle do muíño do Morico. A recuperación do camiño que une os muíños dos Lavadoiros e o muíño do Morico, obrigou á instalación polo Obradoiro Ecotur Xuvenil, dun conxunto duns dez pasais de pedra de xistos de Santiago para salvar os regos que parten da canle cara os prados situados entre esta e o curso do Sar.
As pontellas e os pasales eran as construcións máis sinxelas para cruzar ríos e canles, mentras que os camiños adoitaban ter o firme de terra.
– Camiño do fondo da braña. Este camiño transcorre case pola zona máis deprimida das brañas, de aí o seu topónimo. Ten 900 metros de lonxitude e comunica a zona de Picaños coa Pontepedriña. Os primeiros 220 m están en parte asfaltados e en parte de formigonados. A partir de aí é de terra. A 250 m bifúrcase cara ao oeste en dirección ao muíño de Vilar e a uns 110 m desta bifurcación hai outra que leva ao muíño de Miguel. A partir deste punto cara á Pontepedriña o camiño do fondo da braña aparece empedrado con laxes de anfibolita sobre unha terraza.
– Camiño dos Capitáns. Camiño de 100 m que atravesa as brañas e vai desde a fonte dos Capitáns ata a pontella III.
– Camiño do muíño do Morico. Mide 30 m de longo e 2,25 m de ancho. Vai desde o muíño da Nacha ata o muíño do Morico. Está empedrado con anfibolitas moi redondeadas a causa da erosión e moi alteradas polo do uso de maquinaria.
Camiño de Lavadoiros