
Desde hai séculos e ata hai relativamente pouco, dispositivos modernos como radios, reloxos e almanaques, como os que calquera pode ter na súa casa, non existían, pero a xente necesitaba algo que cumprise esas funcións e ese algo eran as campás. Na súa función de reloxo, anunciaban os momentos importantes do día: hora de erguerse, hora para comer, hora de acabar a xornada etc. E como a radio, avisaban de acontecementos importantes: incendios, reunións, defuncións, festas… ou expresaban sentimentos colectivos como o toque para escorrentar as tormentas.
As festas que imperaban na antigüidade, nas diferentes culturas, marcaron as actuais. Os ciclos de celebracións cristiás suplían aos almanaques actuais: por San Ramón (31 de agosto) plántanse as verduras de inverno, por San Martiño (11 de novembro) faise a matanza, a partir de Santa Lucía (13 de decembro) os días empezan a crecer. Estas festas de carácter relixioso e popular, teñen na súa maioría unha orixe pagá, mais nos dous ámbitos estaban moi ligadas aos ciclos agrícolas, e polo tanto constituían un modo de establecer un calendario para a poboación, de orixe moi remota na prehistoria.
As celebracións de carácter popular e relixioso mantéñense con bastante vigor, pero as campás e os seus tanxedores están a desaparecer. Nas tres parroquias do val do Santa Lucía só queda un campaneiro, en Marrozos, e en toda esta comarca só dous, este e o de San Xulián de Sales no veciño concello de Vedra. O resto das campás foron automatizadas.. e xa non é o mesmo.
A campá ten na cultura galega unha carga simbólica importante. Son numerosas as lendas que contan con toques de campás no seu relato. As máis destacables son as que fan referencia a cidades mergulladas e que contan que en noites de néboa se escoita o seu son.
As campás situábanse nos campanarios ou espadanas das igrexas, o seu punto máis alto, e estas adoitaban construírse no lugar máis alto da parroquia, para que o son da campá chegase a todos os seus recunchos. As tres parroquiais de Marrozos, Aríns e O Eixo teñen campanario. O da primeira presenta unha curiosidade: unha campá demasiado grande para o oco do campanario que obrigou a encaixala dun modo pouco ortodoxo. Un caso similar podemos atopalo noutra parroquia de Compostela, na igrexa de Verdía situada ao norte do concello. Marrozos conta con dúas campás, unha da segunda metade do século XIX e outra, máis grande, datada en 1989. A pequena foi fabricada nun taller da Estrada xa desaparecido e a grande na única empresa que se dedica en Galicia á fabricación de campás, Ocampo Artesáns Campaneros de Arcos da Condesa.
