BARRIO FESTERIO
As festas de Conxo foron das máis destacadas en Santiago
As festas de Conxo foron das máis destacadas en Santiago
O de Conxo é un dos barrios con máis peso da cidade, destacando pola súa gran participación nos entroidos onde adoitan ser gañadores dos premios á mellor comparsa. Visita obrigada merece o tradicional Belén que a familia Otero Moreira de Torrente organiza desde o ano 1946 cunhas 700 figuras, onde non faltan casas, cabanas, estanques, fontes luminosas, lavadoiros e fervenzas…
Moita sona teñen as súas festas: a Mercé e San Serapio, que se festexan as fins de semana da segunda e terceira semana de setembro respectivamente, e que están intimamente ligadas ao mosteiro e á orde mercedaria. Nas festas da Mercé sae o rosario en procesión desde as mercedarias ata Conxo e no San Serapio a procesión arranca das Praterías camiño do barrio.
Como supoñemos que poucas persoas saberán quen era o famoso San Serapio, imos facer unha breve recensión. Segundo a tradición mercedaria, envolta en lendas, San Serapio é un santo de orixe irlandés que nace no 1179 e que estivo enrolado como soldado nos exércitos de Ricardo Corazón de León e de Alfonso VIII. Convertido en mercedario en 1222, é nomeado redentor realizando varias redencións de cativos en territorios musulmáns, ata que el mesmo cae cativo en torno a 1240 e sofre martirio no norte de África. Na portada do mosteiro figura San Serapio, xunto a outros tres santos mártires mercedarios do século XIII.