O primeiro que nos chama a atención desta comarca é a súa paisaxe rural e neorrural, dominando o río en todo o seu paso polo val de Santa Lucía, entre verdes prados, cultivos e pastos para o gando, aldeas que conservan as tradicións e participan delas con especial apego e devoción e, no alto dos outeiros, frondosos bosques de impoñente beleza, un medio ideal e privilexiado en cuxo interior se esconden grandes historias.
Son tres as parroquias composteláns bañadas polo Santa Lucía e os seus afluentes: Aríns, O Eixo e Marrozos. Estas tres parroquias, e tamén Angrois (da parroquia de Sar), aínda cada unha coas súas delimitacións, forman un todo en canto a forma de vida, costumes, festas, infraestruturas…, .e todo isto dende moi antigo. As tres teñen calzadas romanas que as comunicaban, as tres están vinculadas á lenda xacobea, teñen castros da idade do ferro, comparten “uniformes” e bestas no Entroido do Xenerais da Ulla, as tres sufriron cambios como a concentración parcelaria, a chegada do ferrocarril, do AVE… E, con todo, conservan o seu encanto.



Parroquia de Aríns. Esta parroquia contaba en 2014, segundo o Instituto Galego de Estatística, con 1.374 habitantes (704 homes e 670 mulleres) gañando poboación con respecto a 1999 cando contaba con 904 habitantes. Ten, así mesmo, doce entidades de poboación: Andrade, O Aramio, A Cacharela, A Devesa, Fornás, A Granxa, O Igrexario, Lobio, A Pena, Sanxuás, Sobríns, A Torre Branca e Vilacova.
Esta parroquia presenta aldeas ben apiñadas e poucas casas illadas, polo que a maior parte do territorio son terras agrícolas ben conservadas, dominando os prados. Tamén destaca Aríns por conservar boas masas de bosque facilmente transitables por camiños da parcelaria. E podemos atoparnos con sorpresas como o lugar da Fervenza preto de Lobios, onde quedan os restos dunha pequena central hidroeléctrica que daba luz á aldea.
Parroquia de O Eixo. Segundo o IGE, en 2012 tiña 1.043 habitantes (530 mulleres e 513 homes), neste caso houbo diminución de poboación en relación con 1999 cando contaba con 1060 habitantes. Conta con dez entidades de poboación: Bornais, O Eixo de Abaixo, O Eixo de Arriba, O Gaioso, O Igrexario, Os Laranxos, Pereiras, Piñeiro, A Uceira e O Valado.
Esta parroquia é unha das máis afectadas polo desenvolvemento das infraestruturas xa que a cruzan as autoestradas AP9 e AP53, a N525 e as liñas do ferrocarril, a antiga e a nova do tren de alta velocidade. Esta última liña salva o val mediante o viaduto do Eixo, de 1.224 metros de lonxitude, 25 piares e unha altura de máis de 90 metros na parte central. O impacto sobre o ecosistema do val e moi pequeno, incluso chama a atención que á beira dun piar se conserve intacta unha vella pontella que cruza a canle dun muíño. Mirar este fermoso conxunto co muíño ao fondo do prado e o viaduto, enorme!!, por enriba de ti resulta ben curioso.
Parroquia de Marrozos. Segundo o IGE, en 2013 tiña 1.081 habitantes (579 mulleres e 502 homes) aumentando a súa poboación en relación a 1999 cando contaba con 1.044 habitantes. Marrozos está integrada por oito entidades de poboación: Aldrei, Ardagán, Corexo, Gamás, Marrociños, O Sisto, A Susana e Vixoi.