


Descrición
As brañas en Galicia son zonas parcialmente anegadas, situadas ás beiras dun río, que están verdes todo o ano e nas que antigamente pacía o gando das pequenas explotacións agrarias galegas. Trátase dun ecosistema fráxil e cunha función moi importante na regulación da auga porque a reteñen cando chove moito e evitan que vaia de golpe aos ríos producindo inundacións.
As Brañas de Sar son un espazo dunhas 33 Ha, parte da conca do río Sar que bordea a cidade de Santiago de Compostela polo levante, e que resulta dividido en dous polo rueiro histórico de Sar e a colexiata do mesmo nome. Discorren desde as piscinas e o Multiusos de Sar ata a Pontepedriña, enmarcadas polo oriente polos montes Viso, Gaiás e Santas Mariñas e polo poñente pola fachada urbana da cidade, coa vía do ferrocarril, xunto co periférico, marcando o seu límite e freando o avance da cidade.



Referencias arqueolóxicas e históricas
A partir dos resultados dun estudo centrado no monte Gaiás por mor da construción da Cidade da Cultura e realizado no ano 2000, podemos dicir que aínda que non se atoparon xacementos arqueolóxicos nese espazo. Si resulta relevante que poñen de manifesto elementos da antiga paisaxe rural galega a través da pervivencia de dous tipos de construcións esenciais: as terrazas de cultivo intensivo nas vertentes e zonas baixas do monte e os valos de pedra da división no monte para acoutar as parcelas. Resulta rechamante que en sete das dez terrazas sondadas e datadas por procedementos radiocarbónicos se situase a súa antigüidade nun período que vai do século V ao VII da nosa era. Para os autores do estudo ofrece unha clara lectura en relación cunha actividade agrícola nos momentos posteriores á dominación sueva.
Polo tanto, nas Brañas de Sar, agás excepcións puntuais, foi construído un espazo agrario entre os séculos V e X por unha sociedade campesiña de gran dinamismo que proxecta a arquitectura do medio, desde a selección do espazo ata a súa reestruturación premeditada, e cuxos usos se mantiveron invariables practicamente ata a actualidade.
Antes dos anos sesenta, as Brañas eran un espazo vivo, cheo de xente da zona e dos arredores. Era un río animado por persoas que ían lavar, bañarse en lugares como O Redondo, O Pozo ou Os Dous Olmos; outras que traballaban aquelas terras e levaban os seus produtos a vender a Santiago; as que ían moer millo e cereais aos muíños hidráulicos; parellas que buscaban intimidade, leiteiras que subían ao pobo co leite nas sellas, familias que ían pasear e merendar os domingos de verán, obreiros dos curtidoiros… Un río moi vivo e coidado por toda a xente que o aproveitaba e desfrutaba.
As Brañas de Sar na actualidade
Na actualidade as Brañas de Sar presentan distintos graos de conservación e podemos distinguir dúas zonas claramente diferenciadas e separadas polo camiño histórico de Sar.


Ao norte, entre o Viso e a Ponte de Sar, un tramo que discorre polas abas do monte Gaiás, está a zona máis degradada. As construcións (piscina, polideportivo, vivendas particulares, campo de fútbol, pistas asfaltadas etc.) ocupan terreos claramente detraídos ás brañas que constrinxen o curso do río alterando a vexetación orixinal e as condicións de hidromorfia do terreo e actuando nas cheas como auténticos tapóns. Nas marxes externas e nas zonas máis altas localízanse as agras dedicadas a cultivo, configurando un sistemas de mosaico de cultivos en tenzas perpendiculares ao eixo do río. Nas contornas das edificacións e muíños existentes atopamos prados de sega e algún indicio de plantación forestal con chopos. Neste tramo das brañas, o bosque de galería non pasa de ser unha ringleira de árbores na que abundan as discontinuidades e a existencia das brañas pasa a ser testemuñal.
No seguinte tramo, o que vai da Ponte do Sar á Pontepedriña, o río discorre máis libre, o que posibilitou a conservación dunha boa cantidade de brañas que se estenden pola súa beira en zonas baixas e chas. Aquí o bosque de ribeira cobra máis entidade e poden distinguirse manchas illadas monoespecíficas de salgueiros ou ameneiros. Nas marxes externas, a miúdo nas marxes interiores dos meandros, aparecen herbeiras, prados de interese gandeiro desenvolvidos sobre solos fertilizados e regados por inundación. Intercalados entre parcelas de cultivos de zonas máis altas, aparecen parcelas abandonadas con vexetación espontánea procedentes de prados actualmente non traballados.
A estrutura parcelaria do conxunto das brañas amósanos un espazo minifundista típico do agro galego distorsionado pola existencia de varias parcelas de grandes dimensións tanto de labradío como de prado. Sen contar estas, a estrutura da propiedade presenta parcelas de matogueira que roldan os 700 m e outras dedicadas a prados de menos de 400 m de media.
Xunto á moi importante presenza no ámbito da Colexiata de Santa María a Real de Sar, a riqueza patrimonial do conxunto das Brañas de Sar está constituída polos seus valores etnográficos e naturais aos que se engade a Cidade Histórica, que as atravesa pola rúa da Ponte do Sar.
O conxunto etnográfico construído no ámbito ten íntima relación co uso da auga como elemento de vaIor productivo: un sistema de canles, aceas, muros e represas que conducen a auga coa presión necesaria aos muíños situados ao longo do curso do río. No ámbito existen cinco muíños de moenda. Xunto ás intervencións nos cursos da auga, o territorio foi construído coa formación de támaras e terrazas de cultivo, camiños, pontes e pontellas na procura do tránsito desde as vivendas aos espazos produtivos.
Xestión responsable e sustentable
As Brañas de Sar posúen destacados valores naturais, etnográficos e paisaxísticos que hai que preservar, coidando todo o sistema: humidais, chairas de inundación, elementos etnográficos tradicionais etc., evitando discontinuidades e posibilitando que manteñan as súas características e dinámicas naturais e o funcionamento como conexións biolóxicas.
A protección deste sistema natural é indispensable para o funcionamento do metabolismo urbano e para contribuír activamente ao mantemento da súa biodiversidade, xa que os ríos, como o Sar, constitúen auténticas canles da natureza na cidade. Estes espazos que manteñen o seu compoñente natural, nun contorno transformado polos cultivos forestais e as concentracións parcelarias, cobran un redobrado valor, tanto como testemuña dun ambiente xa perdido, como por representaren excepcións na comarca. Polo tanto, as actuacións nesta contorna deben ser moi coidadosas, xa que a súa simplificación, ademais de supoñer unha diminución da biodiversidade pola destrución física que implicaría, podería orixinar a perda da súa calidade, a desaparición das tramas recoñecibles (nos camiños, no parcelario, nos peches, nas árbores de bordo, nos usos e hábitats históricos etc.), e tamén a desaparición dos estreitos e íntimos vínculos cuns asentamentos de fonda raizame histórica.