Áreas de espazo agrario
Son as entidades que constitúen por si mesmas un espazo agrario
Son as entidades que constitúen por si mesmas un espazo agrario
Este apartado engloba as entidades que constitúen por si mesmas o espazo agrario, como son as terrazas de cultivo , así como tamén as relacionadas coa actividade nas que encadraríamos os hórreos ou aquelas que serven para delimitar o propio espazo como os marcos das leiras.
Na zona das brañas, ás terrazas chamábanlles “roleiros” e estaban destinadas á contención do terreo mediante un noiro ou muro de contención para salvar as pendentes ou desniveis e convertelos en terreos de cultivo. Probablemente teñen unha considerable antigüidade xa que se construirían ao se xeneralizar o aproveitamento agrícola da zona.
Os marcos son elementos de delimitación de parcelas. Para este fin utilizábanse valados de cachotería, regos de auga ou camiños. Tamén atopamos peches defendidos con loureiros ou bidueiros que servían para o uso doméstico na elaboración de cestos, atumes de emparrados etc. Un elemento menos visible de linde son as pedras chamadas marcos, a linde é a liña recta que vai dun marco a outro. Os muros das terrazas adoitaban tamén separar terras de labradío de prados.
Terraza da Revolta – Goiáns de Abaixo. Está situada na parte norte das brañas ao pé do monte Gaiás e vai en dirección paralela ao río Sar. O noiro ou avultamento de terra cuberto de vexetación espontánea que separa a terraza mide 230 metros de lonxitude e ten unha altura media de 1,5 metros. Conserva un muro de contención de 6 metros de longo construído a base de cachotería de anfibolita; outros tramos do noiro alternan pedra e terra. As parcelas desta zona dividen o terreo de forma transversal e presentan unha intensa actividade agrícola na que predominan as áreas de prado, cultivos de millo, hortícolas e, na parte sur da terraza, destacan as plantacións forestais. Historicamente esta construción parece que dividía o espazo agrario nunha zona superior para cultivo de cereais e nunha inferior dedicada a pasto, denominada dos lavadoiros e agra da Fieira.
Terraza de Picaños. O noiro mide 110 metros de longo por 2 de alto e posiblemente era máis longo continuando en dirección SE. Presenta un muro de contención feito con pedras de cantería e máis cachotería de anfibolita en todo o percorrido. A parte inferior desta terraza está dedicada a pasto e a superior, que antigamente acollía as terras de labranza, está abandonada, con vexetación de monte baixo e árbores plantadas no noiro. Discorre de forma paralela ao camiño do fondo da braña.
Terraza e muro de contención en Picaños
Marco I da Revolta de Abaixo. Trátase dun marco de pedra de granito que fai de linde entre as parcelas da Revolta de Abaixo e Goián de Abaixo. Está en contacto coa estrada que comunica o Multiusos de Sar con Pontes do Sar.
Marco II da Revolta de Abaixo. É un marco realizado en pedra de granito que funciona de linde entre as parcelas da Revolta de Abaixo e do Agro das Cerqueiras, estando situado na marxe NE do predio próximo á estrada que comunica o Multiusos de Sar con Pontes de Sar.
Marcos delimitando lindes nos Lavadoiros
Hórreo dos Lavadoiros. Mide 4,67 metros de longo por 2,46 metros de ancho e 3 m de altura aproximadamente. É de planta rectangular e construído con materiais contemporáneos a base de ladrillo e cemento. A parte inferior, o celeiro, está pechada e é utilizada como galiñeiro. A porta de acceso á cámara é de aluminio e situase na parede penal sur. O teito é a dúas augas con tella curva do país. Presenta dous remates decorativos, no lado sur unha cruz de sección cuadrangular e un pináculo tamén de sección cuadrangular no lado norte.
Hórreo en Picaños