ÁREAS DE ACTIVIDADE
Estas áreas eran lugares de gran actividade social onde participaba toda a veciñanza
Estas áreas eran lugares de gran actividade social onde participaba toda a veciñanza
Enténdese por áreas de actividade aqueles elementos relacionados coa vida económica e cotiá da comunidade como muíños, lavadoiros e fontes, que, ademais de para o uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.
– Muíño de Sar ou muíño Branco. Este muíño, desaparecido pola construción do Multiusos de Sar, era como todos os que atopamos nas brañas un muíño hidráulico. Aparece na documentación antiga en mapas de 1907. En fotografías aéreas de 1968 aparecen as ruínas do que sería un edificio de planta rectangular. Segundo a entrevista etnográfica cun veciño da zona era coñecido como muíño Branco de Simón. No Arquivo da Catedral de Santiago gárdase un documento de 1590 sobre o arriendo do muíño Branco sito nas Brañas de Sar.
– Muíños I dos lavadoiros. A súa construción aparece constatada na cartografía histórica de 1907. Acaroado a unha vivenda e co acceso por esta, mide 23,99 metros cadrados. Ten dúas entradas e dúas saídas de auga e por riba de cada boca do inferno hai unha fiestra. Parece que conserva toda a maquinaria tanto de rotación como de trituración. Está construído con grandes bloques de anfibolita nos esquinais e cachotería no resto da parede. No lintel e nas portas utilizouse granito. O teito é a dúas augas. A auga que sae da boca do inferno deriva parte a outra canle que abastece o muíño dos lavadoiros II e que tamén se aproveita pra regar os prados da contorna. Cómpre mencionar que este conxunto de muíños dos lavadoiros son coñecidos tamén como os da Mourulla, cuxa denominación se aplica tamén á ponte que cruza o río nas proximidades.
As áreas de actividade eran lugares tanto para labores como para a vida social do vecindario e xentes doutros lugares.
– Muíño II dos lavadoiros. O mesmo que o muíño dos lavadoiros I, a construción aparece constatada na cartografía histórica de 1907. Ocupa 32,78 metros cadrados e presenta dúas entradas de auga. A zona de entrada da auga ao muíño está cuberta por dúas grandes laxes de granito que permiten o acceso ás terras de labor e ao camiño que comunica coas casas. De planta rectangular, presenta nas esquinas grandes bloques de granito e as paredes están fabricadas con cachotería de anfibolita. No lenzo da parede apréciase que o sufriu unha ampliación en altura. Parece que non conserva a maquinaria de rotación e descoñécese se conserva a maquinaria interior. Pola parte posterior de saída da auga atópase unha gran laxe de granito para permitir o paso por riba da canle de auga que se dirixe paralela ao río Sar para prover os muíños que se atopan á beira da ponte de Sar.
– Muíño do Morico ou casa do Martelo. Situado moi preto da ponte de Sar, cara a el esténdese unha canle que penetra a través de dúas entradas e conta con tres bocas do inferno, unha das cales mide 1,43 m, do que se deduce que no seu día tivo tres pedras de moer. Actualmente está en ruínas e no seu interior non se conservan as divisións entre o piso superior e o inferior, aínda que si pezas diversas dos mecanismos. É de planta rectangular e está acaroado a unha vivenda e a unha fábrica. Parece ser que contaba con tres mecanismos, dúas pezas de moer, unha para millo e outra para cereais e unha terceira que funcionaba como un mazo para as pezas de coiro que se utilizaban na elaboración de calzado nas fábricas de curtidos que había nas proximidades e que tiveron gran relevancia na economía industrial de Compostela. Os carros de bois cargados coa mercancía atravesaban o Sar non pola ponte senón por un vao natural, poucos metros augas arriba. As pezas de moer dos cereais están máis pulidas que as destinadas ao millo que son máis bastas.
Os desagües dos muiños recibían o curioso nome de “bocas de infierno” a veces coroadas por fiestras de vivenda.
– Muíño da Nacha. Actualmente é unha vivenda moi reformada e desde o exterior non se aprecia ningunha estrutura que se poida vincular co antigo muíño que deixou de funcionar hai aproximadamente 60 anos. Posiblemente fose un muíño de canle que desembocaría na ponte de Sar.
– Muíño de Vilar. É un muíño de cubo de planta rectangular, construído con bloques de anfibolita e pedra de granito nos esquinais e reforzando os vans. Conserva unha bufarda horizontal de ventilación horizontal encima da boca do inferno. No lado S-SW distínguense unha serie de valos con algunha pontella para permitir o paso nesta zona facilmente inundable. A canle que fornece o muíño parece arrincar da zona do río onde se sitúa a pontella 1 das Brañas de Sar. Atópase en moi mal estado.
– Muíño de Miguel. Muíño-vivenda que ocupa 10.000 metros cadrados dos cales 26 corresponden ao muíño. Está situado no tramo final das Brañas de Sar. Nútrese dunha canle de auga que pasa primeiro polo muíño de Vilar. Aínda que coñecido co nome de muíño de Miguel, unha filla da actual propietaria asegura que o nome é incorrecto porque o tal Miguel non era máis que o esposo da propietaria polo que, en realidade, debería ser coñecido como muíño de Eugenia.
– Lavadoiro da canle dos lavadoiros. Trátase dun lavadoiro composto por varias laxes de anfibolita dispostas de xeito inclinado e situadas na parte dereita na mesma canle de derivación de auga que alimenta os muíños dos lavadoiros. O lavadoiro está a uns 12 metros do primeiro deles. Este e parte da canle están cubertos por un emparrado.
– Lavadoiro de Picaños. Con planta heptagonal e un diámetro duns dous metros, está fabricado con laxes de granito e anfibolita. Ten oito zonas de lavado independentes entre si, así como unha canle que recolle a auga dunha pía situada ao lado das escaleiras de granito que chegan da parte alta. O espazo está delimitado por un muro de granito.
– Fonte dos Capitáns. A fonte actual está uns metros máis ao norte que o cano orixinal, que se desmantelou cando os terreos foron ocupados pola estación de ferrocarril. Antigamente, a fonte dos Capitáns estaba arrodeada por un souto e unha fraga, xa que tanto castiñeiros coma carballos eran abundantes nesta zona. Na actualidade a súa auga segue sendo aproveitada pola xente do lugar. Pero, de onde lle ven o nome de fonte dos Capitáns. Contan que na Guerra da Independencia, en 1808, estaban acuarteladas na Colexiata de Sar as tropas napoleónicas, que saían facer as súas correrías pola veciñanza. As tropas facían descanso fronte á fonte mentres bebían dela, momento que aproveitaron os guerrilleiros emboscados no souto e na fraga que a rodeaban para secuestrar os capitáns da tropa.
A Fonte dos Capitáns, recibe o seu nome polas accións guerrilleiras contra as tropas francesas na guerra de 1808-1814.