
A construción desta liña con capital privado que era a tónica daquel tempo, remóntase a trece anos antes da inauguración. O proxecto inicial só contemplaba a chegada a Cesures, porque se pretendía usar a desembocadura do Ulla como porto de Compostela, pero como esta idea non era viable, modificouse o traxecto e decidiuse que o destino fose Carril. Isto provocou un incremento notable do orzamento.
Esta obra contará co apoio do Concello Constitucional de Carril e da Sociedade de Amigos do Pais de Santiago que fora a que madurara o proxecto. A concesión foi outorgada no 1861 a unha compañía da que era socio, entre outros o gran xeógrafo Domingo Fontán, e transferida á compañía que a explotaría no 1863, cando se autoriza por real decreto, a creación da Real Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta Doña Isabel de Santiago ao Porto de Carril, aínda que a liña Cornes- Carril era coñecida popularmente como “El Compostelano”.
Esta sociedade estaba participada por emigrantes galegos en Cuba, veciños de Carril e de Compostela. O enxeñeiro inglés John Stephenson Mould, e o seu socio italiano Camilo Bertorini, encárganse da construción.
Despois de moitos problemas económicos, inestabilidade política (sexenio revolucionario) e inclemencias meteorolóxicas, inaugúrase oficialmente o primeiro ferrocarril galego, o 15 de setembro de 1873, cando era presidente da Xunta Ferroviaria Eugenio Montero Ríos.