Intentando recuperar a memoria do río, pescudamos para atopar zonas de baño antigas e só atopamos referencias dunha: a praia de Conxo. Con ese nome está claro que non é unha zona de baño calquera, porque esta era a praia onde ía bañarse a burguesía da cidade, o que se cadra explica que Carmiña a protagonista feminina de La Casa de la Troya paseara ata Pontepedriña nunha pasaxe do libro escrito por Alejandro Pérez Lugín en 1915 e ambientado no Santiago estudantil de principios do século pasado. Tamén lembran persoas maiores da zona, que os señoritos subían a ler sobre unhas rochas do outro lado do río, na zona do Restollal. A praia foi noticia nos anos vinte, porque un interno do psiquiátrico apareceu espido entre as numerosas persoas que a abarrotaban, causando unha grande consternación e escándalo.
Río Sar

Podemos subir a esas rochas e imaxinar o río cen anos atrás. Aos nosos pés o Sar, máis alá campos e detrás deles a estación de Cornes, e máis campos e leiras á nosa dereita, no que hoxe ocupa o Ensanche. Á esquerda a gran carballeira en que se celebrou o famoso Banquete, e ao seu lado sobresaíndo maxestoso o mosteiro e as casiñas que século a século foron medrando ó seu redor e facendo o barrio. Se estiveramos no mes de setembro, oiríamos e veríamos os foguetes, a música e os murmurios da moita xente que asistía as famosas e concorridas festas da Mercé ou de San Serapio.
A praia en cuestión estaba, ao parecer, no grande meandro que fai o Sar dentro da finca do Psiquiátrico, un pouco máis abaixo das ruínas do antigo lavadoiro pola zona do Belvedere, e tiña detrás o que quedaba da carballeira onde se celebrara o famoso Banquete de Conxo.