A paisaxe das Brañas de Sar está determinada polas formas de organización e produción agraria. Así, atopamos terras dedicadas ao labradío, as hortas ou monte, e os prados, que son os que predominan na actualidade. Tamén teñen especial importancia as terrazas, que é a forma de aproveitamento agrario nas zonas con pendente. Nas Brañas de Sar dáse a agricultura de autoconsumo do núcleo familiar.

Os prados son un complemento do labradío, que se manteñen en torno ás casas e nas zonas elevadas. Sobre todo é unha paisaxe construída en relación á xestión da auga. Abundan os pastos naturais, precisamente por situarse a carón do río Sar, o que posibilitou o mantemento dunha cabana gandeira. Este espazo de pasto, con frecuencia asolagado, reflíctese na microtoponimia da zona, onde a referencia á auga é constante, así como en fitotopónimos, que fan referencia a especies vexetais para a obtención do pasto.

Hoxe en día, o hábitat aséntase non fondo do val, centrado ao redor do río Sar. Ao lado das casas, atopamos hortas de pequeno tamaño, plantadas con legumes, hortalizas e árbores froiteiras.
Nas zonas de ladeira de monte atópanse as terras de labradío (agras). En torno ao río e ás canles e regachos de auga derivados da corrente principal localízanse zonas de bosque de ribeira e prados naturais, favorecidos polas inundacións máis acusadas. En xeral, as terras de cultivos sitúanse nas zonas máis chas e de pendente suave, e os prados ocupan as zonas máis baixas, húmidas e encharcadas, sobre todo na metade suroeste.
Nas terras de labradío, o cultivo do millo e a pataca constitúen, tanto no pasado como hoxe, a base da actividade agraria. Na actualidade, hai unha grande extensión de pequenas leiras cultivadas destinadas ao autoconsumo, traballadas na súa maioría por xente de máis idade, grazas ao cal se conservan moitos dos métodos tradicionais de explotación.
As terrazas
Coa finalidade de conseguir un mellor aproveitamento agrícola, aparecen os espazos aterrazados, tamén coñecidos na zona como roleiros, nos que se contén o terreo mediante un muro para salvar as pendentes ou desniveis e convertelo en apto para o cultivo. Estas estruturas seguen tendo un papel moi importante na paisaxe actual. Nas Brañas de Sar atopamos dúas zonas aterrazadas, situadas nos vértices opostos: unha, a terraza da Revolta de Abaixo-Goiáns de Abaixo, na metade nordés, que na zona leste é de pendente suave, e a segunda, denominada terraza de Picaños, no sueste.
Estrutura parcelaria
Por outra parte, a estrutura parcelaria ten como característica máis importante a enorme fragmentación do espazo, característica xeral en moitas partes do medio rural galego. A forma de organizar o espazo agrícola vén condicionada pola proximidade de vivendas pero, sobre todo, pola relación co río Sar. A forma das parcelas é variada, con independencia do cultivo ao que se dediquen. As parcelas máis alongadas e cuadrangulares son as máis frecuentes. A disposición perpendicular ao río e ás súas canles, permite o abastecemento da auga a cada unha delas, sen quedar ningunha illada. A consecuencia da realización das partillas, cando se divide unha leira labrada, a partición faise en sentido lonxitudinal, por seren máis fáciles as medicións, adquirindo un aspecto de longas cintas tamén denominadas lanières.

Os peches entre parcelas teñen dobre obxectivo: delimitar a propiedade e impedir o acceso a ela. Para isto constrúense os valados, que son muros de cachotes de pedra de distinta altura e consistencia. Hai lindes naturais que serven para delimitar as parcelas, como un camiño ou un regato. Tamén se usan como deslindes de leiras, árbores ou arbustos, por exemplo o vimbio ou vime, arbusto de porte medio, de ramas moi flexibles e cor amarela, habitualmente empregado en cestería.
A medida que os peches se fan máis altos, refórzanse como signo de privacidade. No caso das Brañas de Sar non son moi frecuentes os grandes peches. Preséntanse pechando superficies máis ou menos amplas, como a Colexiata do Sar, onde o muro marca o seu poder simbólico e material como dona en séculos pasados dunha parte importante das propiedades de Brañas de Sar e dos dereitos de uso da auga, ata a desamortización de Mendizábal.
A maior parte dos peches fanse sobre as hortas e na actualidade con muros de formigón e mallas metálicas, a maioría na zona do carreiro de Picaños
Nas Brañas é posible apreciar a singular integración paisaxística do seu hábitat tradicional, típica paisaxe de agras con ribadas sucesivas nas ribeiras de ríos e regatos na que se produce a transición e correción do desnivel
Un espazo agrario sostible
Trátase dun espazo verde produtivo, periférico e semirrural que no pasado xogaba un papel importante no fornecemento dos recursos necesarios para o abastecemento da cidade tradicional. Esta explotación sostible do territorio estaba organizada de tal forma que mantiña a súa capacidade produtiva devolvendo os nutrientes (nitróxeno, fósforo e potasio) ao solo para garantir a súa fertilidade. No caso das Brañas de Sar atopamos un sistema combinado de hiperfertilización agraria, ideal para un sistema agrícola como o minifundio galego, consistente no aproveitamento dos nutrientes que achegan as enchentes do río e a auga que baixa do monte, aos que se sumaba o esterco producido pola mestura das feces do gando coas xestas e toxos que servían de cama nas cuadras onde se gardaba.
As Brañas de Sar trátase pois dun espazo inundable, no que se sitúan os chamados prados de rega, que se xestionan mediante unha tecnoloxía propia na que canles e regos xogan un papel fundamental configurando un sistema ramificado de reparto de auga adaptado á condición inundable do territorio.
Durante séculos, a paisaxe tradicional das Brañas de Sar mantívose inalterable, servindo ademais de para os usos agrarios, como lugar ao que acudían persoas da contorna: mulleres para lavar e lugar de lecer da rapazada dos barrios próximos (Sar, A Trisca, Pontepedriña, Picaños) que no verán ían ao río bañarse en lugares como O Redondo, O Pozo, ou Os Dous Olmos. Entón, o Sar era un río cheo de vida e persoas. Será nos anos setenta cando se inicie o deterioro e abandono desta contorna.
Aínda así, no ámbito das Brañas de Sar a configuración paisaxística atópase sen grandes distorsións ao manter, en certa medida, o complexo agrario tradicional vixente. Polo tanto, é posible apreciar a singular integración paisaxística do seu hábitat tradicional, típica paisaxe de agras con ribadas sucesivas nas abas de ríos e regueiros na que se produce a transición e corrección do desnivel. A complexa estrutura parcelaria está constituída por un gran número de pequenas teselas que acollen diversos usos, con camiños abeirados por vexetación de bordo que cobre ribazos e cómaros e define a estrutura paisaxística dos eidos. Estamos ante unha paisaxe de gran calidade e elevada fraxilidade, cunha conformación e complexidade que contrasta coa crecente homoxeneidade do agro, que achega naturalidade e diversidade pola súa maior variedade de usos e hábitats, complexidade e diversidade que constitúen as virtudes desta paisaxe microconstruída.