A actual igrexa do Carme de Abaixo foi encargada pola Confraría do Carme e a súa construción desenvolveuse en dúas fases. A primeira entre 1750 e 1773 e a segunda no século seguinte, a partir de 1867.
Na construción do século XVIII, as obras prolónganse extraordinariamente debido á crítica situación económica de Galicia en toda a década de 1760, causada polas malas colleitas, a crise agraria e a carestía extrema. A situación é tal que a Xunta do Reino de 1769 dirá que Galicia “.. está para dar o último suspiro”.
Interveu na construción do século XVIII o arquitecto Clemente Sarela e é probable que tamén Lucas Ferro Caaveiro. É un templo de estilo barroco clasicista durante cuxa construción se perde o sinal do barroco compostelán dando como resultado unha obra de carácter moi rural. Consta dunha planta moi sinxela, dunha soa nave rectangular, cuberta a dúas augas cunha lanterna circular no centro.
No século seguinte,reformarase para darlle un maior ancho. Estas obras non só rompen a proporcionalidade da capela construída no século XVIII senón que tamén reducen a luz ao eliminar unha xanela lateral do muro sur que será substituída por un pseudo e pouco afortunado cruceiro.

A fachada distribúese entre pilastras que enmarcan a porta sobre a que se sitúa unha furna coa imaxe da Virxe do Carme que a preside, representada cunha tipoloxía nada frecuente que, de feito, é a primeira e única vez que se empregará en Santiago. Un pouco máis arriba vese o escudo carmelitano. Coroa a fachada unha torre campanario de tipo moi común ao doutras igrexas da cidade, que se sitúa encima do frontón curvo de remate. No muro lateral norte atópase un relevo que representa os santos fundacionais da confraría: a Virxe do Carme e San Eleuterio, que posiblemente foi colocado cara ao ano 1900.

A traza do retablo maior de 1767 pódese atribuír a Miguel Ferro Caaveiro segundo un recibo que consta no arquivo parroquial. Presenta mestura de elementos rococós xunto a outros de estilo neoclásico. Presídeo a Virxe do Carme rodeada de San Brais, San Emixidio, San Ramón, Santa Quiteria, San Gabriel, unha cohorte que insiste na salvación dos perigos tanto materiais como espirituais. De todas as figuras, a máis valiosa é sen dúbida a de Santa Quiteria, obra de José Ferreiro e que mostra as características estilísticas dos talleres composteláns do terceiro cuarto do século XVIII.
No exterior, convidamos o visitante a descubrir un taboleiro de xogos gravado na pedra similar aos que se poden ver en San Lourenzo e en moitos lugares da cidade.