San Lourenzo de Trasouto

Nas beiras do Sarela atopámonos co Pazo de San Lourenzo de Trasouto. Aínda que situado a pouco máis dun quilómetro da Cidade Histórica, parece suspendido noutra dimensión.
Temos que remontarnos aos primeiros anos do século XIII (a primeira referencia ten data do ano 1216 nunha carta de confirmación do rei Afonso IX de León) para obter datos da súa fundación como unha colexiata que alberga unha pequena comunidade de cóengos. A súa orixe atribúese ao bispo de Zamora Martín Arias, de orixe compostelá, que buscaba un lugar apartado na súa cidade para pasar os seus últimos anos de vida.

A finais do século XIV, o Cabido de Santiago cede a colexiata aos franciscanos. Nesta cesión ten un protagonismo fundamental frei Gonzalo Mariño que, vinculado familiarmente con Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, o primeiro dos condes de Altamira, recibirá deste moitas terras con bosque e hortas para o convento.

Será na época moderna cando os franciscanos protagonicen a historia de San Lourenzo. Neste momento configúrase a arquitectura actual do palacio e boa parte da contorna natural e da leira que hoxe coñecemos, grazas ao padroado da Casa de Altamira. As cesións da Casa de Altamira non incluíron a carballeira inmediata, nunca cercada, que foi doada por Lope Osorio de Moscoso á cidade de Santiago en 1546, e que deu lugar a reclamacións legais ata finais do século XIX en que definitivamente é confirmada a propiedade municipal.

Coa desamortización de Mendizábal (1835-1837), o edificio é requisado polo Estado, tendo os franciscanos que abandonalo.  O conde de Altamira oponse á decisión administrativa e defende que o mosteiro fora doado á igrexa para que habitasen nel os franciscanos polo que, se non tiña ese uso, a propiedade tería que volver aos seus lexítimos donos e non ao Estado. Comeza daquela unha pugna de varios anos pola súa propiedade tras a cal a Xustiza dá a razón ao conde de Altamira. Tras a morte do marqués de Astorga, é a súa filla a herdeira do mosteiro, quen o ofrece de novo aos franciscanos. Os monxes non aceptan o ofrecemento ao teren xa un mosteiro onde residir, polo cal a duquesa de Medina de las Torres decide restauralo e adaptalo á estética dun pazo galego, habitándoo como residencia e enriquecéndoo con valiosas obras de arte procedentes do seu patrimonio de Sevilla.

 

O pazo de San Lourenzo foi declarado monumento nacional en 1979. “Pola súa localización periférica, a súa contorna rústica e o seu tupido rostro arquitectónico, carece da magnificencia que gozan os grandes conventos e mosteiros composteláns. Pero o seu valor non reside na súa visibilidade; así a todo, reside na xentileza con que se reprega para protexer os seus singulares tesouros” (Juan David Díaz López no seu libro O Pazo de San Lourenzo de Trasouto.)

Os tesouros ocultos de San Lourenzo de Trasouto

Estamos ante un monumento que alberga tesouros únicos, como o xardín de buxo do claustro, que se cre data do século XVIII, ou o retablo maior da igrexa, tallado en mármore de Carrara e procedente do mosteiro de San Francisco de Sevilla. San Lourenzo acolleu ocupantes tan ilustres como o arcebispo Pedro Muñiz, que foi tachado de nigromante e que era amigo de Martín Arias, o emperador Carlos V e ata unha raíña recente, Fabiola de Mora y Aragón esposa do rei Balduíno de Bélxica.

O edificio é de tipoloxía e estilo heteroxéneo e está constituído por un único volume arquitectónico, que amalgama ampliacións e transformacións nas que teñen especial importancia os diferentes usos dados ao edificio e que dan como resultado unha arquitectura de tipo pacego mesturada na propia dun convento.

Desde o terceiro arco románico ata a cabeceira, toda a igrexa pertence ao século XVIII e o mesmo que o claustro, é dun estilo barroco que parte dun principio de sinxeleza e austeridade acorde coa personalidade recolecta do convento. De grande interese arquitectónico é a bóveda plana da sancristía, obra de frei Manuel de la Peña (1735-1740).

Outros elementos importantes de San Lourenzo son o retablo maior e as figuras orantes dos marqueses de Ayamonte situadas sobre os seus sepulcros, pezas renacentistas de orixe italiana que a duquesa de Medina de las Torres trae de Sevilla durante a conversión do antigo e ruinoso convento en pazo. O retablo e os sepulcros, que na súa orixe forman un só conxunto, datan de 1532 e foron executados polos escultores italianos Antonio e Giovanni Aprile. De grande importancia é tamén a imaxe da Virxe da Cadeira, de gran tamaño que pertence á Escola Sevillana e está situada no retablo do brazo norte do cruceiro.

O pazo de San Lourenzo foi declarado monumento nacional en 1979. “Pola súa localización periférica, a súa contorna rústica e o seu tupido rostro arquitectónico, carece da magnificencia que gozan os grandes conventos e mosteiros composteláns. Pero o seu valor non reside na súa visibilidade; así a todo, reside na xentileza con que se reprega para protexer os seus singulares tesouros” como moi ben sinala e resume Juan David Díaz López no seu libro O Pazo de San Lourenzo de Trasouto.

Un último elemento que cómpre destacar é o xardín do claustro que se cre data do século XVIII e se atribúe a algún frade do convento. Considérase a realización xeométrica de buxo máis importante de España polo seu simbolismo e antigüidade. O buxo invade practicamente todo o patio do claustro cunha composición cuadrangular de carácter heráldico. Completa o conxunto unha fonte que se sabe xa existía no ano 1607.

Na  carballeira exterior pode verse preto do muro de peche un cruceiro datado en 1683, delatando así a existencia dun lugar sacro non fácil de ver con detalle para os numerosos peregrinos do camiño de Fisterra que, neste tramo, bordean o muro do pazo camiño do cruzamento do Sarela pola ponte do mesmo nome. No devandito cruceiro e ao pé dun dos contrafortes da fachada do convento, podemos atopar senllos alquerques, xogos antigos entre os que é moi popular en Santiago o “pai, nai, fillo” (ou tres en raia) que se atopa en abundancia tallado en chans e bancos pétreos por toda a cidade, destacando os conxuntos das escaleiras do convento de Santa Clara e da contorna da fachada principal do Seminario Maior na praza da Acibechería.